Cerdedo-Cotobade repasa con Feijóo os proxectos da Xunta no municipio
Por Redacción
O presidente e vicepresidente da xestora do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela e José Balseiros, veñen de manter unha xuntanza de traballo co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para repasar o estado no que se atopan todos os investimentos autonómicos no municipio.
No transcurso da xuntanza o mandatario autonómico informoulles dos avances no saneamento de Tenorio, que sairá a licitación na primeira quincena do mes de marzo, e no proxecto da nova residencia da terceira idade de Cerdedo, coa inminente sinatura do convenio entre o Concello e o Consorcio de Igualdade e Benestar.
Neste encontro debuxouse o panorama das novas infraestruturas e servizos promovidos pola Xunta de Galicia no municipio fusionado cun total de nove actuacións impulsadas, que se atopan en distinto grao de execución e que suman 7,1 millóns de euros de investimento.
Así, a humanización do acceso á igrexa de Tenorio (120.000 euros) acaba de rematarse, mentres que a mellora da estrada PO-234 (650.000 euros), a reurbanización da Praza do Concello de Cerdedo (180.000 euros) e a construción do Centro Autonómico de Recuperación de Fauna Salvaxe de Carballedo (650.000 euros) atópanse en obras.
Polo demais, Núñez Feijóo explicoulles aos munícipes que a nova rede de sumidoiros da parroquia de Tenorio (1,85 millóns de euros), que dará servizo a 1.200 veciños, sairá a licitación na primeira metade do vindeiro mes de marzo tras acometer cambios no proxecto pola modificación do punto de verquido, mentres que a construción da nova residencia de Cerdedo (1,7 millóns de euros) afrontará o seu penúltimo paso en breve co convenio polo cal o Concello comprométese a poñer a disposición da Xunta os terreos necesarios para acometer o investimento.
Tras a reunión, Cubela e Balseiros revelaron que as vindeiras obras serán a mellora da estrada PO-230 entre Serrapio e Vichocuntín (600.000 euros), que acaba de superar o período de información previa; o inicio da primeira fase da rehabilitación das vivendas dos mestres de Cerdedo (353.000 euros), xa adxudicadas e co replanteo realizado; e a mellora da estrada Caroi-Cerdedo (1 millón de euros), que ten o proxecto presentado e agarda polos axustes burocráticos entre as consellerías de Infraestruturas e Medio Rural.
Cubela e Balseiros cualificaron o encontro de "moi froitífero" e quixeron agradecer a "sensibilidade" do presidente da Xunta co Concello de Cerdedo-Cotobade e coas súas necesidades e proxectos.