A radio escolar chega a Cerdedo-Cotobade
Por Redacción
O CEIP Plurilingüe de Carballedo, en Cerdedo-Cotobade, conta desde este luns de forma oficial cunha radio escolar no marco do programa 'Radio na Biblio' da Xunta de Galicia.
Este novo espazo bautizouse como 'Cast@_radio' e está nun espazo habilitado para tal fin no que se instalou unha mesa similar á dun estudo de radio real, de tal forma que os escolares tomen contacto con micrófonos, auriculares e as ferramentas que se empregan nas emisoras.
O CEIP recibiu a visita de dous membros da asociación Ponte nas Ondas de Pontevedra, cos que o alumnado de quinto e sexto curso de primaria realizou un obradoiro de radio. Nesta actividade os estudantes aprenderon a interpretar un texto na radio ou o manexo dun programa de edición de audio, e mesmo elaboraron un programa piloto.
Con este proxecto o colexio fai realidade a súa participación en Radio na biblio, un proxecto piloto a través do que 20 centros educativos de educación infantil, primaria e secundaria están a poñer en funcionamento un laboratorio de radio nas súas respectivas bibliotecas escolares.
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou na inauguración do espazo e fixo un percorrido polo centro escolar acompañado polo director, Francisco Javier Guimarey Mariño; o director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal; e o alcalde, Jorge Cubela. Ao remate, felicitou ao centro polo traballo desenvolvido nos últimos meses e gabou o esforzo e implicación do profesorado e equipo directivo para poñer en marcha iniciativas que van máis aló do currículo lectivo.
Román Rodríguez tamén comprobou que o alumnado e profesorado deste centro están a traballar co kit recibido ao abeiro da súa participación no programa da consellería Introdución á robótica educativa en primaria, no que este curso participan 111 centros e máis de 10.000 alumnos. A través desta iniciativa os alumnos, ademais de adquirir nocións básicas sobre robótica e programación, tamén traballan as áreas denominadas STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas).
O material está conformado por seis robots de uso educativo adecuados ás idades do alumnado; seis kits de construción, que permiten a realización dun mínimo de cinco proxectos diferentes; así como un manual de uso e guía didáctica.
Este centro está desenvolver varias liñas de actuación a través destes materiais, en concreto relacionadas coa arte, a programación e o deseño 3D. De feito, un dos proxectos que teñen previsto desenvolver, PA-S.O.S, consiste en deseñar e realizar calzado ecolóxico, empregando o deseño gráfico e a programación e, unha vez elaborado, envialo a un país desfavorecido, co obxectivo de fomentar a conciencia solidaria.