Marín porá en valor o papel da muller no deporte
Por Redacción
No Día Internacional da Muller, que se conmemorará o vindeiro 8 de marzo, a temática a traballar no concello de Marín será a "visibilización do papel da muller no deporte".
Así se decidiu na última reunión ordinaria do Consello Municipal da Muller, un órgano consultivo que ten vogais de cada un dos partidos políticos con representación no Concello, do sindicato CIG, persoal técnico do CIM e Servizos Sociais e diferentes asociacións veciñais e de mulleres.
Segundo informou o Goberno Local, entre os actos programados organizarase unha exposición pública sobre a muller no deporte ao longo da historia e traballarase cos centros educativos e a poboación en xeral na importancia da non discriminación por razón de xénero neste eido.
Este Consello Municipal tamén tratou a elaboración do Manifesto do 8M, que contará cunha base histórica sobre o nacemento desta convocatoria, datos da realidade laboral das mulleres de Marín e temas de importancia sobre a continuidade da fenda salarial, o teito de cristal, os estereotipos que se trasladan ao mundo laboral sobre as mulleres, o acoso laboral e no ámbito deportivo.
Ademáis, repartiranse as cuncas coma nos ultimos anos, coa viñeta diseñada por Luis Davila, relativa o tema deste ano.