San Brais, primeiro barrio que implantará a compostaxe de forma integral
Por Alejandro Espiño
O barrio de San Brais será o primeiro de Pontevedra que recicle de forma integral todos os seus residuos orgánicos a través do sistema de compostaxe municipal. Así o anunciou este venres o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez Junquera.
As características do barrio, con poboación rural e urbana nun espazo "limitado e pechado", permitirá ao Concello "estudar" o funcionamento do sistema de tratamento dos residuos orgánicos "de xeito controlado", segundo o edil do BNG.
O Concello iniciará "en breve" a repartición dos 90 composteiros individuais que, calculan os técnicos, entregaranse para dar servizo a gran parte dos 220 habitantes que viven en San Brais, repartidos en 108 vivendas unifamiliares.
O resto, unhas 20 familias, contarán cun módulo de compostaxe comunitaria que estará situado nun xardín entre a Rúa da Curva e Santa Lucía.
Entre todos, segundo os cálculos do Concello, producen 83 toneladas de lixo ao ano, das cales 44 son de orixe orgánica ou vexetal e que poderán ser recicladas mediante o sistema de compostaxe que se implantará no barrio.
Todo este despregamento foi acordado coa asociación de veciños Salcedo Norte e cos propios interesados nunha asemblea aberta. Será controlado inicialmente polos mestres composteiros para que o proceso de faga con todas as garantías de calidade e resólvanse as dúbidas ou problemas que poidan xurdir nas súas etapas iniciais.
Ademais, o Concello estudará a solicitude formulada por varias familias que pediron pequenos composteiros individuais para reaprovechar os restos de herba e céspede que saen dos seus xardíns e que teñen un proceso de descomposición máis lento que os residuos orgánicos.
Tamén queda por analizar a solución que se vai a dar aos tres grandes produtores de residuos do barrio, o centro comercial de Carrefour, o hipermercado Lidl e un restaurante.
Relacionadas:
-
Eduardo Pondal inaugura a súa central de compostaxe
Por Alejandra Iannone |
-
San Brais e Eduardo Pondal estrean esta semana os composteiros comunitarios
Por Alejandro Espiño |
-
Un convenio para involucrar a todos os colexios e institutos da provincia na compostaxe
Por Diego Espiño |
-
O Mercantil súmase á compostaxe
Por Alejandro Espiño |
-
O de Pontevedra será o primeiro campus de España que compostará todos os seus biorresiduos
Por Redacción |