Tes animal de compañía? A lei cambiou e o Seprona e Cadeliños póñente ao día
Por Natalia Puga
Un mes despois da entrada en vigor da Lei 4/2017 de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia, o seu contido segue sendo descoñecido para moitos cidadáns, tanto se teñen mascotas coma se non. Para poñer solución a ese descoñecemento, a asociación Cadeliños e o Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Garda Civil impartiron este xoves unha charla divulgativa que axudou a resolver dúbidas e ampliar coñecementos.
A actividade estaba dirixida tanto aos que están interesados en denunciar incumprimentos da lei para protexer aos animais como a quen ten mascotas e queren evitar ser denunciados e encheu a sala elixida no centro cívico Alcalde Castor Castro de Barro.
A charla impartírona o cabo primeiro Santiago Ferreira, adscrito ao Seprona de Pontevedra, e integrantes do equipo directivo e veterinario de Cadeliños, que se centraron no contido da nova lei, pero especialmente nos cambios máis significativos con respecto ás normativas anteriores, pois os especialistas explican que unha das virtudes deste novo regulamento é que aclara aspectos que ata agora podían resultar confusos ou estaban abordados con pouca claridade.
O cabo primeiro Ferreira explica que un deses cambios máis significativos é o endurecemento das sancións económicas para os infractores, que se nota de forma especial nunha das sancións máis comúns na zona xeográfica na que ten competencias o Seprona de Pontevedra, a non identificación dos animais de compañía por parte dos seus propietarios.
"En el rural es bastante común no identificar a los animales, a la gente le cuesta hacerlo con el perro de toda la vida. En pueblos o ciudades más grandes ya se identifica más", explica este axente do Seprona, que no seu día a día ten coñecemento directo desas reticencias que seguen existindo a poñer o chip aos animais e lembra que na nova lei levar a un can sen chip pode levar unha multa de 500 euros.
Entre outras cuestións, o cabo primeiro Ferreira explicou aos presentes que nas normativas previas xa era obrigatoria esa identificación, pero non estaba recollida con tanta claridade como na nova lei. Agora é unha obrigación e requisito indispensable para a adopción.
Froito dese contacto no día a día coa protección dos animais e a natureza, este efectivo do Seprona explica que nos últimos tempos "se están dando muchos casos de maltrato alarmante", que xa van pola vía penal e non eran o obxecto da charla organizada en Barro. Na súa opinión, "no es que haya más maltrato, sino que ahora hay más conciencia social y la gente te llama mas y denuncia".
Algún dos cambios desta lei son, por exemplo, o traspaso de competencias, pois moitas das que ata agora tiñan os concellos pasan a ser responsabilidade da Xunta de Galicia e as administracións locais apenas teñen competencias sancionadoras. Si son as encargadas da recollida e albergue de animais abandonados ou extraviados, podendo recoller tamén a aqueles cuxos donos xustifiquen a imposibilidade de atendelos.
Poden consultarse os detalles desta nova lei nesta ligazón da asociación Cadeliños.