Unha tubaxe rota provoca unha pequena inundación en Portonovo
Por Redacción
A localidade de Portonovo viviu este mércores unha mañá accidentada. Á auga que xa se estaba acumulando polas intensas choivas sumóuselle a procedente da avaría dunha tubaxe.
Segundo explicou o Concello de Sanxenxo, unha empresa que está a realizar a instalación de gas na zona de Portonovo rompeu unha tubaxe mentres traballaba.
Os concelleiros de Servizos e Medio Ambiente, Alfonso Real e Juan Deza, desprazáronse ata o lugar con operarios de empresa Espina y Delfín e en aproximadamente unha hora solucionaron a avaría.
Doutra banda, a concellería de Infraestruturas de Sanxenxo deu a coñecer este mércores que renovará o céspede sintético do campo de fútbol 8 de Baltar co diñeiro resultante das ofertas á baixa xeradas nos investimentos do Plan Concellos 2016 da Deputación de Pontevedra.
A empresa Mecano Sport S.L, será a encargada de executar a actuación, que ten un orzamento de 60.000 euros. Os traballos consistirán na retirada do céspede actual para instalar 2.674 metros cadrados de novo céspede. Tamén se colocarán seis novos aspersores con maior calidade e alcance, un xogo de bancos e a rexa para a recollida de augas pluviais.