Estes son algúns dos estereotipos sexistas que seguen asentados entre nenos e adolescentes de Pontevedra
Por Redacción
Os estereotipos e prexuízos sexistas relacionados co xogo e co amor romántico perduran na sociedade actual e están moi implantados desde a infancia, mesmo entre o alumnado de educación primaria. Esta conclusión repetiuse este ano entre os rapaces que participan no programa municipal nAmorAndo, que responderon unha enquisa previa ao inicio do programa que dá conta de que o traballo que hai que facer para desterrar este tipo de ideas aínda é moito.
O Concello deu a coñecer este mércores, no coñecido como Día dos Namorados ou San Valentín, un balance do programa. Segundo as súas conclusións, esas enquisas deixan ver que os rapaces teñen máis crenzas sexistas que as rapazas e, no caso dos adolescentes, eles teñen máis problemas que elas á hora de detectar o maltrato. Ademais, identifican ese maltrato só coa violencia física e non nas outras formas de violencia psicolóxica.
A edición deste ano do programa de prevención de violencia machista nArmorAndo desenvolvido co alumnado de Primaria xira arredor da temática 'Erea e Martiño, unha historia diferente'. Durante as actividades que xa se puxeron en marcha nos primeiros meses do curso académico, os responsables do programa chegaron á conclusión de que, en porcentaxes moi significativas, o alumnado dá por certas cuestións como que "un neno ou nena valente non tería que chorar, nin ter medo por nada" ou "cando se ten medo a algo é mellor marchar correndo".
"Se estás enfadado é mellor non dicir nada para que non te rifen", "hai xogos de nenas e xogos de nenos" ou "as chicas guapas son guais" son outras das ideas que están asentadas entre o alumnado xa desde Primaria. Ademais, cando falan do amor, repítense os estereotipos dos contos tradicionais e os mitos asociados ao amor romántico.
Entre outras ideas, o alumnado considera que "o normal é namorarse nada máis verse", "cando dúas persoas casan ós poucos días de coñecerse, o normal é que sexan felices"; "as rapazas teñen que esperar ao seu príncipe azul", "cando unha rapaza ten parella xa non precisa saír cos seus amigos/as".
Ao abeiro do programa nAmorando traballouse ao longo de sete sesións con música, curtas, fragmentos de películas, role-playing, teatro, xogos…co fin de cambiar actitudes a través do debate, a reflexión, a expresión de emocións e a empatía. O obxectivo é desmontar mitos sobre o amor romántico, identificar relacións baseadas na desigualdade, romper estereotipos sexistas que manteñen ideoloxías machistas e axudar a expresar emocións abertamente como signo de valentía, e afastándoas de realidades estereotipadas.
Ao remate destas sesións, os resultados da intervención amosan que non todo está perdido. Tanto os nenos como as nenas son quen de reflexionar e cuestionar as súas crenzas e mesmo dar un paso adiante e mudar comportamentos sexistas mais tamén constata a resistencia a corrixir a súa visión do amor romántico.
O programa nAmorAndo, que impulsa a Concellería de Educación e Igualdade nos centros educativos, traballa en dous segmentos de idade: nenos e nenas de cuarto curso de Primaria (de 9 e 10 anos) e adolescentes de cuarto da ESO (14-16 anos).
Este ano participaron 309 nenos de cuarto Primaria de oito CEIP: Xunqueira I, Xunqueira II, Barcelos, Álvarez Limeses, Cabanas de Salcedo, Vilaverde de Mourente, San Bieito de Lérez e Príncipe Felipe. Tamén 345 adolescentes dos IES Xunqueira I, Xunqueira II, Sánchez Cántón e Luís Seoane.
Relacionadas:
-
Detectan que os adolescentes só identifican claramente o maltrato coa violencia física
Por Alejandro Espiño |
-
Máis de 100 ultraportátiles para os alumnos do IES A Xunqueira II
Por Alejandra Iannone |
-
O Concello oferta máis de 50 actividades de formación para os centros escolares
Por Redacción |
-
VÍDEO.- Escolares pontevedreses sacan a venda do 'Felices para sempre'
Por Redacción |
-
O servizo municipal de Igualdade dá o salto a Internet
Por Redacción |
-
Os escolares seguen crendo no amor romántico con voda
Por Redacción |
-
Escolares pontevedreses reflexionan sobre o amor, os prexuizos e os estereotipos
Por Redacción |
-
Chega San Valentín. Atención: Non é amor, é machismo
Por Redacción |