Intervención da Policía Local para axudar un home de 75 anos desaparecido e desorientado
Por Redacción
A Policía Local de Poio realizou na tarde deste martes un servizo humanitario no que axudou a regresar coa súa familia un home de 75 anos que levaba varias horas desaparecido.
Segundo informou a Policía Local, unha patrulla localizou o home, B.B.M., de 75 anos, a última hora da tarde nas proximidades da Barca. Estaba desorientado e non lembraba onde vivía.
Os axentes puxeron en marcha as actuacións oportunas para localizar á súa familia e, cando se puxo en contacto cos seus achegados, descubriron que estaban buscándoo desde varias horas antes, ás 15.30 horas.
O home, natural da localidade ourensá de Avión, estaba a pasar uns días na parroquia pontevedresa de Mourente, saíu a pasear e desorientouse. Non lembraba onde vivía e non regresou á súa casa, de modo que os seus familiares estaban a buscalo.
Tras a chamada da Policía Local, a súa familia pasou a recollelo e o servizo humanitario terminou con final feliz.