As choivas desaparecerán o sábado para permitir o Enterro do Ravachol
As baixas presións atlánticas manterán este mércores 14 a súa influencia nas Rías Baixas, traendo inestablidade en forma de precipitacións e ceos bastante grises. En canto ás temperaturas, estas presións carrexarán aire morno e cargado de humidade, polo que mínimas e máximas sufrirán un ascenso xeral entre lixeiro e moderado, que non superará os 14 graos. En canto ao vento, soprará de forma mesurada de compoñente sur, con intervalos de forte intensidade no litoral galego.
En canto á xornada do xoves 15, xa sen influencia de baixas ou altas presións, unha nova fronte chegará a Galicia achegando maior inestabilidade e choivas máis persistentes. O ceo permanecerá cuberto todo o día e as temperaturas mínimas seguirán subindo dos 9 aos 11 graos, mentres que as máximas non experimentarán cambios notables. O vento do suroeste soprará desde o principio da xornada, remitindo gradualmente a partir de media mañá.
A influencia da fronte chegada o xoves deixará na provincia de Pontevedra precipitacións xeneralizadas e intermitentes tamén durante o venres 16. A un ceo anubrado durante toda a xornada haberá que sumarlle unhas temperaturas suaves para a época do ano, aínda que as máximas decrecerán lixeiramente sen superar os 13 graos. O vento continuará soprando de compoñente sur de forma moderada no litoral, cambiando a norte nas últimas horas do día.
A predición a medio prazo de Meteogalicia indícanos que o sábado 17 haberá cambios na previsión meteorolóxica, con menos probabilidade de choivas e o consecuente descenso das mínimas, o que permitirá gozar do Enterro do Ravachol. A partir do domingo 18, coa consolidación das altas presións sobre o litoral galego,volverá brillar o sol acompañado de maior estabilidade e temperaturas agradables.