Presidentes de todas as deputacións de España reuniranse en Pontevedra
Por Redacción
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, será este martes a anfitrioa dunha reunión dos 49 presidentes de institucións provinciais de toda España. Acudirán ao Pazo Provincial á xuntanza ordinaria da comisión de deputacións, cabildos e consellos insulares da Federación Estatal de Municipios e Provincias (FEMP).
A xuntanza celebrarase a partir das 12.00 horas no salón de plenos do Pazo Provincial e contará coa presenza do alcalde de Vigo e presidente da FEMP, Abel Caballero, que presentará un informe sobre a situación da reinversión do superávit das entidades locais, a regra de gasto, a taxa de reposición de efectivos e a financiación local.
Ademais, os presidentes provinciais presentes analizarán un informe sobre as consecuencias para as entidades locais da aplicación da lei de contratos do sector público coa que se traspoñen dúas directivas da Unión Europea sobre a tramitación e a publicidade das contratacións.
Igualmente abordarase a proposta de convenio entre a Dirección Xeral de Tráfico e as deputacións provinciais para o intercambio de información e experiencias en materia de seguridade vial e analizarase un informe relativo á participación da FEMP no desenvolvemento dun proxecto de Tarxeta Social Universal, que se concibe como un catálogo de prestacións públicas tanto de contido económico como de situacións que poidan incidir no ámbito social e de vulnerabilidade das persoas.
A comisión elixiu Pontevedra como sede da súa reunión en resposta ao convite realizado pola presidenta provincial, Carmela Silva, durante o último encontro celebrado en Castellón, a mesma na que se aprobou a proposta de Carmela Silva de facer unha homenaxe a todos as persoas e efectivos contra incendios que loitaron contra a vaga de lumes sufrida en Galicia, Asturias e Castela-León o pasado outono.
Todos os presidentes provinciais acordaron daquela reclamar axudas inmediatas para os damnificados e unha nova política forestal preventiva que contribúa á loita contra o despoboamento do medio rural.