Ponte Andadas 2018, deporte e cultura para todos a través de seis rutas
Naturgaliza Club e o Concello de Pontevedra poñen en marcha o programa de Ponte Andadas 2018. A edición deste ano conta con seis rutas de diferentes dificultades, ao longo da comarca de Pontevedra para persoas maiores de 12 anos.
Os obxectivos que persegue esta iniciativa son promover hábitos de vida saudables a través do exercicio físico, ademais de coñecer a contorna natural e patrimonial da zona. Para iso contarase con monitores titulados e experimentados, que guiarán e se adaptarán ao ritmo dos participantes ao longo dos 10 a 15 quilómetros de ruta.
Ao comezo da actividade, facilitarase información aos asistentes sobre o traxecto, por onde van ir e que van ver, así como os aspectos culturais que poida haber. Ademais, daranse nocións básicas de como afrontar as actividades.
Para asegurarse de que os participantes asisten preparados, enviaráselles previamente unha folla de ruta informando da roupa, calzado e demais elementos que sexan necesarios.
A inscrición a estas rutas será de 8 euros o circuíto completo e 2 euros cada etapa, fóra das persoas en paro, para quen non terá ningún custo. Esta cota cobre o seguro, proporcionando entre outras cousas, asistencia en ambulancia. Para apuntarse é necesario facelo a través do correo electrónico ponteandadas@gmail.com ou no teléfono: 625.482.636
As actividades comezarán o domingo 11 de marzo e finalizarán o domingo 4 de novembro, evitando os calorosos meses de verán.
Obsequiarase aos asistentes cunha mochila, ademais dunha bolsa con snacks e auga para facer máis ameno o traxecto. A actividade deportiva finalizará recargando enerxías cun tentempié.
PROGRAMA:
Ruta 1. Encoro do Pontillón do Castro-Cerponzóns
Domingo, 11 de marzo
Saída. 10.00 horas. Igrexa de San Vicente de Cerponzóns
Distancia. 15,9 km.
Dificultade. Media
Ruta 2. Patrimonio de Ponte Sampaio
Domingo, 15 de abril
Saída. 10.00 horas. Centro de ocio de Ponte Sampaio (praia fluvial, ao carón do campo de fútbol))
Distancia. 15,2 km
Dificultade. Media
Ruta 3.- Lago Castiñeiras- Salcedo
Domingo 13 de maio
Saída. 10.00 horas. CEIP Cabanas (Salcedo)
Distancia. 14,6 km
Dificultade. Media
Ruta 4. Foxo do Lobo-Bora
Domingo, 9 de setembro
Saída. 10.00 horas. Campo da festa de Santa Lucía- Bora, estrada a Carballedo (PO-233)
Distancia. 14,5 km
Dificultade. Media
Ruta 5. Serra da Fracha-Canicouva
Domingo, 7 de outubro
Saída.10.00 horas. Igrexa de Santo Estevo da Canicouva
Distancia. 13,3 km
Dificultade. Media-Alta
Ruta 6. Senda do Lérez-Bora
Domingo, 4 de novembro
Saída. 10.00 horas. Illa das Esculturas, pasarela peonil
Distancia. 11,5 km.
Dificultade. Baixa