Rueda: "Non é certo que os terreos para o edificio xudicial estean a disposición da Xunta"
Por Natalia Puga
A construción do novo edificio xudicial da Parda segue xerando cruzamento de acusacións entre as dúas administracións implicadas, o Concello de Pontevedra e a Xunta de Galicia. O vicepresidente galego e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, foi o último en manifestar a súa opinión. Foi este luns e asegurou que "non é certo que os terreos para o edificio xudicial estean a disposición da Xunta" a pesar de que o Concello asegurou o contrario en diversas ocasións.
En declaracións aos medios de comunicación na Delegación territorial da Xunta en Pontevedra, Rueda anunciou que o proxecto construtivo para o novo edificio xudicial "está practicamente ultimado. No mes de maio estará" e xustificou que puideron avanzar neste trámite porque "dixemos sempre que o encagabamos a pesar de non ter os terreos para non perder o tempo".
"O que teño que dicir é que en canto estea o proxecto rematado se podería licitar, sempre e cando os terreos estean a disposición", indicou. E engadiu que "eu recibín unha carta do Concello non hai moito tempo na que dicía que había unha serie de problemas coa expropiación e cunha serie de parcelas, o cal non casa demasiado ben con esa manifestación do Concello de hai tempo de que xa estaban os terreos a disposición. Iso non é certo".
Rueda recorda que para que a Xunta de Galicia poida comezar a obra é necesario "que os terreos estean a disposición coa correspondente inscrición no Rexistro da Propiedade a favor da Xunta". En canto ese trámite se cumpra, as obras "empezarán sen ningún tipo de problemas", pois "hai unha consignación para a parte da obra que se poida facer este ano e non sei se nos sucesivos orzamentos se porían ás cantidades restantes". "Insisto, sempre e cando existan eses terreos e o Concello poida solucionar eses problemas que a min me comunicou que tiña con algunhas das parcelas", engadiu.
Tras realizar estas declaracións, o conselleiro asegurou que "non temos interese en facer ningún tipo de polémica, buscamos a colaboración cos concellos" e recordou que "en Santiago xa está a funcionar o edificio, en Ourense se está construindo, na Coruña o mes que ven será a licitación".
Por parte da Xunta de Galicia, asegurou que "sen ningunha dúbida vai cumprir a súa parte, que é facer o proxecto, licitar ás obras e pagalas cando estean executadas".
Relacionadas:
-
Os socialistas preguntan no Parlamento se o novo edificio xudicial da Parda estará en 2016
Por Redacción |
-
Rueda reitera o interese da Xunta por construír a mazá xudicial da Parda
Por Oskar Viéitez |
-
O PP insta ao Concello a que lle impoña prazos ao convenio coa ONCE
Por Oskar Viéitez |
-
Os terreos necesarios para o edificio xudicial da Parda xa son do Concello, pero falta rexistralos
Por Natalia Puga |
-
A Xunta insiste: "Non podemos construir o novo edificio xudicial da Parda ata que teñamos os terreos"
Por Alejandro Espiño |
-
"A Xunta dispón dos terreos para o novo xulgado desde outubro. O atraso non e culpa nosa"
Por Alejandro Espiño |