O PP quere que Poio "entre no século XXI" e retransmita os plenos pola Internet
Por Redacción
O PP de Poio presentará este luns unha moción para pedir que os plenos da corporación se emitan por internet e os veciños poidan acceder ás gravacións. Destacan que é algo que "os avances técnicos permiten a moi baixo custo" e permitiría ofrecer aos veciños a posibulidade de coñecer de primeira man as decisións que toman os seus representantes e por que as toman.
Na actualidade no Concello de Poio non se gravan os plenos nin en imaxe nin en audio mentres que en concellos moito máis pequenos xa están a emitir por streaming, de modo que a concelleira Rocío Cochón recalcou a necesidade de que o consistorio "entre no século XXI".
Ao respecto, mesmo destacou que, considerando que os sistemas de gravación de voz foron inventados a finais do século XIX, "realmente esta petición non implica que o pleno de Poio entre no novo milenio, senón tan sequera no século XX".
Cochón recalcou tamén que a retransmisión por internet das sesións plenarias e a posibilidade de consultalas a posteriori evitaría ou mitigaría ·actuacións bochornosas do bipartito como o 'pleno da vergoña'", unha sesión extraordinaria sobre a rebaixa do IBI solicitada polo PP en agosto pasado "e que o bipartito convocou de forma que non puidesen ir os veciños".
O PP confía en que esta moción se aprobe por unanimidade e anuncia que a intención é que ao longo deste ano xa se empecen a emitir os plenos e se poñan as sesións a disposición dos veciños.
"Xa é hora de que entre un pouco de luz no concello", indica Rocío Cochón, que considera que achegar o pleno aos veciños é algo cada vez máis necesario, en tanto que supón dar máis información, ser máis transparentes e permitir a participación da xente.