O PP cita un informe dunha plataforma independente para criticar que a Deputación suspende en transparencia
Por Redacción
O grupo provincial do PP de Pontevedra deu a coñecer este sábado que a Deputación Provincial sae moi mal parada nos estudos da plataforma independente Dyntra, que analiza a información facilitada por gobernos e administracións públicas aos cidadáns. Outórgalle á institución pontevedresa un suspenso en Transparencia no índice DDP, centrado nos gobernos provinciais.
O estudo, que se pode consultar nesta ligazón, avalía 179 indicadores e a Deputación de Pontevedra cumpre menos da metade, 71 en concreto. De media, acada unha puntuación de 39,66 sobre 100.
A Deputación de Pontevedra sitúase, segundo o PP, no posto 3 dos 4 entes provinciais galegos, só por riba da Deputación da Coruña. Queda por debaixo de Lugo e moi lonxe de Ourense, cuxa Deputación logra un 91% e pasa a ser a máis transparente de España. A nivel estatal, Pontevedra sitúase no posto 19 de 38.
A análise de Dyntra divídese en 6 apartados, dos que a Deputación de Pontevedra sae peor parada en 'Transparencia Institucional', a relativa á información sobre o funcionamento da propia institución, onde apenas cumpre unha cuarta parte dos parámetros avaliados; e 'Participación Cidadá', con 3 indicadores de 18 (menos do 17%).
Un dos datos que máis critica o PP é que nos subapartados de 'Planificación e Organización da Deputación' e 'Información e Atención ao Cidadán' a institución provincial saca un cero. Non cumpre ningún dos indicadores analizados.
O voceiro provincial do Partido Popular, Ángel Moldes, considera que o informe "confirma o que levamos anos dicindo cando falamos da falta de transparencia da nova Deputación" e demostra que o seu partido non é o único en facer a diagnose de que "Carmela Silva goberna de costas aos veciños e aos concellos".
Á vista destes datos, Moldes pide ao goberno bipartito PSOE-BNG unha reflexión porque "é evidente que algo non se está a facer ben". "Presumían de abrir portas e fiestras e a realidade é que, desde que chegaron á Deputación, esta converteuse nunha institución pechada aos cidadáns", critica.