O espírito do Entroido invade a Sétima Feira no seu segundo aniversario
Por Redacción & Diego Torrado
O Entroido viviuse este sábado dun xeito moi intenso no primeiro andar da praza de abastos de Pontevedra. Como cada segundo sábado do mes, tocaba unha cita coa moda e arte máis alternativas da man da Sétima Feira e, aproveitando que coincidía con esta época de disfraces e retranca e que, ademais, a iniciativa chegaba ao seu segundo aniversario, os organizadores decidiron facer unha edición temática.
O espazo gastro que inclúe cada Sétima Feira estivo este sábado centrado na gastronomía máis típica desta época e houbo polbo, carne ao caldeiro e os doces típicos do Entroido, filloas e orellas.
Na Sétima Feira Infantil tampouco podía faltar o protagonismo da festa que se está a vivir, de maneira que estivo adicada este sábado á obra de Laxeiro e os personaxes tradicionais do entroido galego. Os obradoiros serviron para que os máis pequenos deixasen voar a súa imaxinación e crearon a súa propia máscara misturando arte e diversión.
Neste día no que a iniciativa chega ao seu segundo ano de vida, a festa prolongouse, como xa é habitual, durante toda a mañá, entre as 11.00 e as 15.00 horas e non faltou a sesión vermú animada nesta ocasión pola música do grupo Xoubas.
A Sétima Feira é unha iniciativa impulsada pola Área de Promoción Económica do Concello de Pontevedra que ten como finalidade dinamizar a escea creativa da vila, favorecendo un espazo para o emprendemento creativo, e apostando pola colaboración entre os novos creadores e o comercio local.
Relacionadas:
-
Sétima Feira despídese para volver a final de ano "diferente a como a coñecemos"
Por Alejandro Espiño |
-
"Cousas estrañas" no mercado de abastos para o regreso da Sétima Feira
Por Redacción & Beatriz Ciscar |
-
Stranger Things inspira unha Sétima Feira "excepcional" para xaneiro
Por Redacción |
-
A Tenda da Sétima Feira, tamén en vídeo e en vivo
Por Mónica Patxot |
-
A Sétima Feira tamén abre no verán
Por Redacción |