A Garda Civil desartella un grupo criminal dedicado a roubos violentos e atribúelles dous en Caldas
Por Redacción
Un grupo de mozos irrompeu violentamente nas instalacións dunha estación de autolavado de vehículos en Caldas de Reis durante unha madrugada do pasado mes de marzo e levou a recadación de dúas máquinas. Dúas horas despois, esa mesma noite, unha cafetería da mesma localidade rexistraba un episodio similar. Once meses despois, a Garda Civil logrou esclarecer ambos os sucesos e deter catro mozos como supostos autores.
A investigación foi longa e complexa, pero permitiu finalmente dar por desartellado un importante grupo criminal especializado neste tipo de roubos en establecementos comerciais. Trátase dunha organización moi activa e bo exemplo é que a operación policial, que se bautizou como Jota, continúa aberta para determinar a súa posible participación noutros roubos que se produciron na comarca nos últimos tempos.
Os catro detidos teñen entre 19 e 20 anos e contan cun amplo historial delituoso por delitos similares contra a propiedade. Dous son veciños de Pontevedra de orixe marroquí e outros dous veciños de Caldas e Moraña de nacionalidade española.
Tras o seu arresto, foron postos en liberdade xa en dependencias da Garda Civil, unha vez instruídas as correspondentes dilixencias, pero teñen a obrigación de comparecer ante o xulgado de garda de Caldas de Reis cando sexan requiridos polo xuíz.
A Garda Civil atribúelles dous delitos de roubo con forza nas cousas. No perpetrado na estación de autolavado levaron a recadación de dúas máquinas e no que se produciu no interior dunha cafetería subtraeron a recadación dunha máquina comecartos.
A investigación correu a cargo do equipo de investigación da Garda Civil de Vilagarcía de Arousa, coa colaboración do posto e do Servizo de Protección da Natureza (Seprona) de Caldas de Reis e da patrulla fiscal e de fronteiras de Vilagarcía.
A actuación dunha dotación de seguridade cidadá da Garda Civil permitiu recuperar no seu día as ferramentas que utilizaran para violentar as máquinas do autolavado, cando os autores se deron á fuga (unha pata de cabra, unhas tenazas e outra serie de obxectos para realizar os forzamientos de fechaduras). Esas ferramentas, xunto coa minuciosa inspección ocular realizada no interior dos dous establecementos, foron determinantes para a identificación dos catro presuntos ladróns.