Empezan as obras para mellorar o acceso a Tourón e permitir o paso dos vehículos de emerxencias
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas comezou esta semana os traballos para a ampliación do acceso principal da parroquia de Tourón, un camiño que dá servizo a 46 casas e que ata agora non permitía o paso dun vehículo de emerxencias, nin un camión de bombeiros nin tan sequera unha ambulancia medicalizada.
A actuación suporá, polo tanto, poñer fin a un histórico problema en Tourón. As obras vanse repartir en tres fases e o Concello de Ponte Caldelas destaca que son dunha envergadura e dunha complexidade técnica importante.
O goberno local lembra que a demanda para ampliar este acceso vén de moitos anos atrás, pois a anchura do camiño non permitía que se cruzaran dous vehículos, todo un inconvinte dada a alta densidade de poboación nesta zona. Ademais dos vehículos de emerxencias, tamén tiñan dificultades para chegar a este núcleo de poboación os camións de recollida de lixo, o que complicaba o servizo nunha zona onde residen moitos veciños.
O Concello agradece a colaboración de toda a veciñanza que cedeu os terreos necesarios para facer a obra. O alcalde, Andrés Diaz, que visitou as obras este venres, destacou ao respecto que "foi unha xestión que toca recoñecer publicamente, porque xa sabemos todos que en Galicia non é fácil que a xente ceda e aquí atopámonos cunha predisposición magnífica e cuns veciños moi sensibilizados".
A primeira fase das obras comeza no arranque do camiño, que serve tamén de acceso á área arqueolóxica de Tourón. Alí pasarase dun ancho de 2,60 metros a 4 metros, que é o máximo que se pode gañar. A principal dificultade está en que a pista arranca a un nivel case 7 metros inferior ao da finca colindante e as máquinas teñen que escavar o suficiente para gañar o sobreancho sobre o noiro. Unha vez rematada a escavación construirase un muro de perpiaño para consolidar a parede de terra e rocha.
A segunda fase realizarase tamén este ano, toda vez que o proxecto xa está aprobado e vai ser tramitado nas próximas semanas. Quedaría aínda unha terceira fase para completar o remate de todo o camiño que, cun trazado que supera o quilómetro, presenta varios estreitamentos coincidindo con muros, vivendas e todo tipo de obstáculos.