O Concello de Poio ofertará este ano máis de 70 postos de traballo
Por Redacción
O Concello de Poio ofertará durante este ano 2018 máis de 70 postos de traballo, dos que 31 xa están aprobados e acaba de darse a coñecer que se contratarán con cargo a unha subvención do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
O resto dos postos de traballo que se ofertarán serán reforzos temporais que o Concello de Poio realizará, como todos os anos, co fin de incrementar o número de efectivos en servizos tales como a vixilancia das praias, a seguridade cidadá (co reforzo de aproximadamente de catro a seis auxiliares de policía), departamento de turismo (reforzo na tempada estival con catro persoas) e brigadas contra incendios.
A maiores, e dentro das limitacións existentes para contratar persoal con fondos propios, o Concello incorporará á súa plantilla dez traballadores (tres administrativos, dúas persoas de limpeza, dúas como albaneis e tres como peóns). A todas estas contratacións tamén hay que engadir dez traballadores perceptores da renda de inclusión social de Galicia.
En relación cos 31 traballadores con cargo ao Plan Concellos, o concelleiro delegado de Persoal, Xosé Luís Martínez Blanco, explicou que a subvención concedida ascende a 234.617,84 euros e destinarase a contratar traballadores que reforzarán diversos servizos municipais con contratos de distinta duración segundo as necesidades específicas de cada servizo.
Entre os procesos selectivos que se convocarán desde este concello ofertaranse prazas para o departamento de limpeza, operarios de servizos múltiples, conserxes, condutores e diversos perfís de carácter máis técnico.
O Concello ten previsto iniciar nos próximos días os trámites para comezar os procesos selectivos de varios dos postos que será preciso cubrir.