Ángel Moldes, de novo contra Carmela Silva pola comarcalización dos bombeiros: "Está perdida neste tema"
Por Redacción
"Está perdida neste tema e non sabe como xustificar a súa confrontación coa Xunta de Galicia xa que tódolos partidos están secundando a proposta". Son as duras palabras que lle dedica o voceiro provincial do PP, Ángel Moldes, á presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva. O punto de desencontro volve ser, unha vez máis, o proceso de comarcalización dos parques de bombeiros.
Moldes e Silva levan meses de desencontros e intercambio de acusacións en relación coa comarcalización e este venres escríbese un novo episodio. O voceiro do PP reclamou á presidenta da Deputación que abandone a súa incoherencia e se suba ao barco da comarcalización impulsado pola Xunta de Galicia e apoiado polo resto das deputacións provinciais e pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).
A incoherencia que critica Moldes é que, na súa opinión, "non é lóxico" que a Deputación de Pontevedra rexeite a comarcalización durante o pleno da corporación e logo a súa presidenta "se queixe de que se avance antes noutras provincias que si respaldaron o proceso".
O portavoz popular considera que Carmela Silva quedou illada no medio do resto das deputacións e nótalle certo "nerviosismo". Na súa opinión, a consecuencia desta política de confrontación é que a Deputación está "boicoteando" aos concellos pequenos da contorna das grandes cidades mentres o resto das institucións provinciais de Galicia están defendendo a eses concellos pequenos "porque é a súa primeira obriga".
O PP utiliza como exemplo que a semana pasada o bipartito do PSOE e BNG na Deputación da Coruña, o goberno local de Compostela Aberta de Santiago e o PP na Xunta sentaron a negociar para a comarcalización mentres a Deputación de Pontevedra segue a estar en contra do proceso.
"Ir en contra dun modelo aceptado por todo o mundo, que inclúe a comarcalización e a creación de tres novos servizos nesta provincia, é ir contra os veciños e contra os concellos unicamente por un interese partidista que non comparte nin sequera o resto do seu partido", critica duramente Moldes, que insiste na política de confrontación que seguen Carmela Silva e o alcalde de Vigo, o socialista Abel Caballero, "de forma sistemática na busca de réditos electorais".
Relacionadas:
-
A Xunta tratará directamente con Pontevedra e Vigo a comarcalización dos seus bombeiros
Por Redacción |
-
Os bombeiros celebran a súa festividade co director xeral de Emerxencias e a ollada posta na comarcalización
Por Anxo Lourido |
-
O PP de Poio pon en marcha unha campaña a favor da comarcalización dos bombeiros
Por Redacción |
-
O Partido Popular cre que o "sectarismo" está a marcar a política do goberno da Deputación
Por Anxo Lourido |
-
O PP culpa a Abel Caballero do rexeitamento da Deputación á comarcalización dos bombeiros
Por Oskar Viéitez |
-
VÍDEO.- PSOE e BNG adían ata 2021 a desprivatización dos Parques de Bombeiros provocando o enfado dos traballadores
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
"Se hai unha desgracia e os bombeiros non chegan a tempo a única responsable vai ser a presidenta da Deputación"
Por Oskar Viéitez |