A Confraría La Divina Peregrina, molesta coa reconstrución da Botica de Ravachol xunto á capela
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
"Nos horroriza", con esta frase define Ignacio Landín, presidente da Cofradía Nuestra Señora del Refugio La Divina Peregrina, a sensación que lle provoca a instalación recreando a Botica de Perfecto Feijoo situada este ano xunto ao adro da capela da Virxe Peregrina. Os confrades móstranse desgustados polo efecto estético e polas molestias que ocasionará nas actividades relixiosas.
A reforma da fachada dun edificio situado nas proximidades da estatua do loro Ravachol, onde habitualmente se instalaba esta Botica, obrigou a trasladar durante este Entroido a xa tradicional construción das festas a esta nova zona.
Pero a decisión non foi acordada coa confraría e varios integrantes da agrupación xa se queixaron tanto ante axentes da Policía Local como á Policía Autonómica, denunciando que se trata dunha agresión ao Patrimonio.
Francisco Luís López, confrade da Divina Peregrina, é un dos denunciantes. Asegura que esta instalación pagá situada tan próxima á capela provocará que durante o Entroido, as misas e actos litúrxicos se vexan interferidos pola megafonía e a música típica dos actos carnavalescos que se desenvolvan nos arredores da Botica. "Todo el mundo sabe a qué horas se celebran las misas y las horas del rosario, pedimos que no molesten. Que lo hagan a otras horas que no sean las nuestras", afirma Ignacio Landín.
O presidente da confraría lembra que pasan centos de peregrinos diante da igrexa e a posibilidade de que se fagan unha foto coa botica e a capela de fondo non lles fai "gracia". Lembra que hai outros sitios máis bonitos e marabillosos de Pontevedra para montar este escenario. Landín lamenta que ninguén do Concello se puxo en contacto con eles para acordar esta instalación.
"Nos horroriza que se llame la Botica de la Peregrina porque siempre fue la de Feijoo y estaba cerca de Almacenes Olmedo" alega o máximo representante dos confrades sinalando que presentarán unha queixa ao goberno local.
Recoñecen con resignación que se terán que aguantar se o Concello non atende a súa petición porque, aínda que se trata dun ben de interese turístico, o goberno local pode realizar instalacións a menos de 50 metros da igrexa sempre que sexa de maneira excepcional. "Creemos que la Peregrina pierde. Si ganase, vale. Pero pensamos que no es el sitio ideal", insiste o presidente da Confraría Divina Peregrina, mentres algúns fieis móstranlle apoio á súa reivindicación.