O 72% dos infractores multados pola Policía Local de Poio son foráneos
Por Redacción
A Policía Local de Poio interpuxo durante o ano 2017 un total de 1.560 denuncias de tráfico, unha cifra moi similar á media de anos anteriores -en 2016 foran 1.488-, pero de cuxo análise se poden extraer conclusións rechamantes, como, por exemplo, o feito de que a maior parte dos multados non son veciños de Poio.
Segundo o balance facilitado pola Policía Local, o 72% das denuncias realizáronse a persoas doutros municipios. En concreto, 520 multados, o 37,71% dos infractores eran doutro municipio da provincia e 474, o 34,37%, de fóra de Pontevedra. Os veciños de Poio multados polos axentes municipais foron 385, tan só o 27,92% do total de boletíns de denuncia.
Os meses de verán, os de maior afluencia de turistas que visitan Poio ou pasan polo municipio de camiño ás praias da comarca acaparan a maior porcentaxe de sancións. Tan só o mes de agosto xa superou o número de multas do primeiro trimestre, con 480 infraccións detectadas, o 27,91% do total do ano. En xullo houbo 282, o 16,40% do total do ano e o seguinte mes con maior número de infraccionmes foi abril, coincidindo coa Semana Santa, con 157.
As infraccións máis habituais son as relacionadas con estacionamentos prohibidos en xeral, tanto por aparcar en zonas reservadas como por facelo en áreas prohibidas ou pisando liñas amarelas. En concreto, foi o motivo de 1.357 multas o ano pasado.
A segunda causa de infracción foi non facer uso do cinto de seguridade, con 51 casos, seguido da condución mentres se utiliza o teléfono móbil, con 42 condutores denunciados. Outros dez foron sancionados pola vía administrativa por dar positivo en alcoholemia e catro por non identificar o condutor que cometera unha infracción.
A condución neglixente (3), non respectar a luz vermella do semáforo (4) e conducir un vehículo a dúas rodas sen facer uso do casco de protección (9) completan a listaxe de infraccións denunciadas.
As infraccións impostas por cuestións moi graves son minoritarias, tan só 11 en todo o ano 2017. Houbo nese mesmo período 674 multas por infraccións leves e 694, o 50,33%, por cuestións consideradas graves. Esta estatística en concreto realízase tendo en conta as sancións xa cobradas, non as impostas.
En canto aos puntos de Poio nos que máis infraccións de tráfico detectan os axentes, destacan as avenidas da Barca, A Cruz e A Costa e a rúa Francisco Regalado.