Os socialistas piden cargadores para móbiles en espazos públicos da cidade
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Achegar servizos á cidadanía. É o espírito co que os socialistas acaban de presentar unha moción para que o goberno municipal estude a instalación de cargadores para dispositivos móbiles en espazos públicos da cidade de Pontevedra.
É un sistema, apunta Agustín Fernández, que xa existe en cidades como Bilbao, Valladolid, Madrid ou Barcelona.
Para Fernández, o modelo de cidade implica "ir máis alá" de ensanchar beirarrúas e se debe apostar por outro tipo de actuacións que faciliten a vida aos cidadáns.
O PSdeG-PSOE entende que, hoxe en día, "xa non concibimos a nosa vida sen o teléfono móbil", un dispositivo que se converteu nunha ferramenta de traballo "imprescindible".
A idea tamén daría satisfacción a unha demanda que reclaman os turistas cando se acercan á nosa cidade. "Este tipo de detalles fan que mellore a valoración da cidade entre os que nos visitan", asegura o voceiro socialista.
A proposta consiste en utilizar cargadores alimentados por enerxía solar e accesibles ás persoas con discapacidades e instalalos en espazos públicos como prazas ou parques.