Os concellos solicitan á Deputación mil lombos máis en toda a provincia
Por Alejandro Espiño
O modelo urbano de Pontevedra está a ter, segundo César Mosquera, un efecto "expansivo" por toda a provincia e os resultados, na redución da sinistralidade, "se están vendo". Por iso é polo que a Deputación seguirá acougando a velocidade nas estradas da súa titularidade. Farao con 1.000 "lombos" máis que se instalarán nos próximos meses.
Mosquera explicou que se colocarán a petición dos propios concellos, incluídos moitos que "ata hai pouco" eran bastante "reticentes" á súa instalación, como Vigo. Sumaranse aos 1.100 que, aproximadamente, están xa situados nas vías provinciais.
Ademais, outros 750 están en todo o termo municipal de Pontevedra, os propios concellos teñen preto de 200 e a Xunta conta cuns 70 nas súas estradas, segundo os datos achegados polo vicepresidente provincial.
Con todos estes elementos, destacou o dirixente do BNG, Pontevedra vai camiño de abandonar os primeiros postos en sinistralidade viaria. Ata hai pouco era a provincia cos seguros de coches máis caros, debido aos "desastrosos" datos de accidentalidade. Agora, desvelou César Mosquera, "estaremos xa no cuarto ou quinto posto".
No milleiro de novos "lombos" que instalará a Deputación non haberá para Pontevedra, xa que o goberno municipal cubriu as súas demandas na primeira fase deste plan de mobilidade.
Para Mosquera agora haberá que "atacar" os viarios da Xunta de Galicia e do Ministerio de Fomento para completar unha rede de estradas onde, xunto coas zonas 30 que se instauraron nalgúns municipios, a provincia continúe reducindo o número de accidentes de tráfico que se producen.
A cifra "idílica" de redutores de velocidade na provincia, segundo o vicepresidente da Deputación, serían "entre 15.000 e 20.000", unha cifra á que recoñece "non chegaremos", polo que insta a priorizar zonas de "conflito" entre o tráfico rodado e peonil.
Relacionadas:
-
O PP pide á Deputación que escoite as queixas dos técnicos de ambulancias sobre os lombos
Por Oskar Viéitez |
-
Preparan unha nova sinalización para 1.200 quilómetros de estradas provinciais
Por Redacción |
-
A Deputación comunica os concellos unha nova edición do Plan Móvese
Por Oskar Viéitez |
-
As estradas de Ponte Caldelas estrean os lombos solicitados
Por Redacción |
-
Barro únese aos municipios con 'lombos' nas súas estradas
Por Redacción |