A inclusión social chega ao programa 'DEPOcomparte'
Tras un ano en funcionamento, 'DEPOcomparte', o programa gratuito de prestacións de material deportivo aos concellos, clubs, asociacións e outras entidades da provincia, amplía o seu inventario como resposta a unha demanda cada vez máis crecente.
Así o explicaba Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, nunha rolda de prensa este xoves. "Durante o ano 2017 recibimos máis de 250 solicitudes e comezando febreiro xa temos 25 reservas para os seus primeiros meses", expuña.
Desta forma, os dous kits iniciais convértense en 4, cun total de 2 podios, 4 arcos de meta, 8 sky dancers, 8 carpas de 3x3 metros, 1 marcador electrónico e 100 conos e valos. O funcionamento segue a ser o mesmo: mediante a web institucional os solicitantes poden reservar o material coa única obriga de ir recollelo e devolvelo unha vez rematadas as probas.
"O programa funciona como unha central de reservas electrónicas na que os interesados teñen que entrar na aplicación da web, cubrir as datas do evento, os campos de identificación e solicitar os materiais que estean dispoñibles", explicaba a presidenta provincial.
Este ano a novidade do programa está na inclusión social. Ademáis do material descrito por Silva, súmanse aos recursos dúas bicicletas adaptadas que permiten o desprazamento das persoas con diversidade funcional. Trátase do modelo 'DUET', unha unión entre cadeira de rodas e bicicleta, con tres velocidades e freos de dobre tambor que garanten a seguridade. Grazas a ela, o usuario poderá participar en rutas, paseos e diferentes actividades ou probas deportivas organizadas na provincia.
A presidenta recorda que este tipo de accións están recollidas no seu Plan Estratéxico de Deporte 2017-2020 aprobado en Xunta de Goberno en 2017. Nel destinouse un orzamento de 6 millóns de euros a disciplina do deporte.