Segue en activo o protocolo de frío na cidade como resposta ás baixas temperaturas
Febreiro recibiu a primeira onda de frío do ano con alertas en 27 provincias por baixas temperaturas na península. Algúns municipios pontevedreses como A Lama ou Lalín viron a súa paisaxe branqueada pola neve, con mínimas de -3 graos no caso deste último.
O protocolo de frío activado o pasado decembro polo Concello de Pontevedra antóllase máis que necesario nun contexto tan xélido, sobre todo para aquelas persoas sen fogar.
Así o confirmou Anxos Riveiro, concelleira de Benestar Social, que lembraba o procedemento habitual neste tipo de días especialmente duros. A Policía Local é a encargada de detectar a persoas que dormen na rúa e recomendarlles algún dos centros da Redeaxuda.
"Neste momento o albergue de Cáritas ten algunhas prazas libres e Calor y Café ten puntualmente algunha. En canto as mulleres, no caso de non haber sitio, dende o propio albergue en coordinación co Concello trataríase de remitilas a algún hostal que ten colaboración coa rede", explica.
Segundo datos da consultora AIS Group, Pontevedra rexistraba o ano pasado o maior índice de pobreza ancorada de Galicia. Esa realidade reflíctese nas visitas aos comedores sociais e albergues da cidade. En 2016 foron 120 persoas repartidas en dúas quendas as que accedían ao comedor de Cáritas, e 26 durmían a diario nos diferentes albergues de Pontevedra. Ademais, nese mesmo ano a Cruz Vermella atendeu a máis de 7.000 pontevedreses en risco de exclusión.
A relación estreita entre as entidades que conforman a rede é unha das vantaxes á hora de planificar a actuación en futuras épocas de frío. Por ese motivo, a Redeaxuda xa se prepara desde inicios de ano para cubrir as necesidades tendo en conta os últimos cambios sociais que veñen dando en todo o país. "O tema da pobreza enerxética volve a estar enriba da mesa. As familias prescinden moitas veces do calefactor porque se non hai cartos que entren de xeito continuado, tamén hai certos gastos que non se fan", indicou Anxos Riveiro.
O aumento no rango de idade das persoas que solicitan axudas de emerxencia, a crise económica e a precariedade laboral foron os temas abordados na última reunión da plataforma, a cal expón establecer novas canles de comunicación con traballadores sociais que poidan facilitar o acceso a novos perfís de demandantes.