Poio leva tres meses esperando a resposta de Portos á súa proposta para os aparcadoiros en Combarro
Por Oskar Viéitez
O goberno local do Concello de Poio leva tres meses esperando a resposta de Portos de Galicia á súa proposta para os aparcadoiros na localidade de Combarro.
O concelleiro de Seguridade Cidadá e Mobilidade, Xosé Luís Martínez Blanco, lembrou que a proposta de mellora do estacionamento presentouse en Portos de Galicia o pasado mes de novembro.
Dende esa data o concello non recibiu resposta oficial por parte deste organismo, polo que nestes días, dende o concello remitiuse un escrito a Portos de Galicia co fin de obter unha contestacion por parte deste organismo.
O Concello de Poio tiña previsto iniciar os traballos de preparación e acondicionamento en Combarro, no vindeiro mes de marzo, con antelación suficiente as vacacións de Semana Santa.
Xosé Luís Martínez subliñou que a proposta presentada polo concello "beneficia tanto aos residentes como aos centos de visitantes" que se achegan diariamente ata a vila de Combarro, "facilitando así notablemente a súa mobilidade".
O informe presentado a Portos de Galicia supón un total de 95 novas prazas de estacionamento ao longo do núcleo urbano, destacando as 40 prazas de estacionamento destinadas aos veciños residentes no centro histórico de Combarro que non dispoñan de praza de garaxe.
O Concello de Poio confía na aprobación desta proposta de mellora, xa que a mesma "non afecta a actividade do sector mariñeiro nin o mexilloeiro", como usuarios do porto de Combarro, e "beneficia notablemente tanto aos residentes como a actividade comercial e hostaleira de Combarro".