Seguimento maioritario do persoal de xustiza no inicio da folga indefinida
Por Anxo Lourido
Escasa actividade rexistrábase durante a xornada deste mércores nos xulgados de Pontevedra. A folga indefinida convocada por todas as forzas sindicais con representación na administración de xustiza iniciábase cun éxito de seguimento, segundo os propios representantes dos traballadores.
Desta forma, sinalaban que en Pontevedra o apoio dos funcionarios a esta folga acadaba o 94%, mentres que en Cambados situábase no 98%; en Marín lograba unha paralización total; en Caldas de Reis rondaba o 93% mentres que en Vilagarcía de Arousa superaba o 90%.
A pesar de que os convocantes consideraban abusivos os servizos mínimos mantivéronse sen incidencias de gravidades. Segundo fontes sindicais, durante a xornada suspendéronse a maioría de actividades xudiciais en Pontevedra, máis de 65 vistas, agás os casos de urxencia relacionados con violencia de xénero ou con menores. Os funcionarios concentrábanse ante as portas do edificio xudicial de A Parda.
Nilo Fernández, portavoz de SPJ-USO, sinalaba que os culpables da indignación que están sufrindo os funcionarios xudiciais son o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; o vicepresidente Alfonso Rueda e o director xeral da consellería de Xustiza, Juan José Martín.
Cren que minten e aseguran que se están a negar a negociar cos representantes sindicais. Afirman que a última proposta presentada pola administración autonómica só supoñia un incremento salarial progresivo que se iniciaría en 2019 e que en 2021 alcadaría os 60 euros. Entende que Galicia é a única comunidade que sufriu recortes nos últimos 5 anos de máis de 1.000 euros por funcionario e reclaman igualdade.
Os convocantes consideran que as repercusións desta folga indefinida serán "brutais" para outros actores da actividade xudicial como avogados e procuradores. Manuel Valle, representante del CSIF, afirmaba que isto é consecuencia do levantamento da mesa de negociación e de cuspir á cara aos traballadores.
Fina Iglesias, delegada de Alternativas na Xustiza-Cut, sinalaba que todos os sindicatos uníronse para levar a cabo esta protesta para reclamar a equiparación salarial con outros funcionarios e afirmaba que o alto seguimento deste paro débese á indignación que provoca a actitude por parte da Xunta de Galicia.
A XUNTA CONFIRMA A SÚA DISPOSICIÓN A DIALOGAR
Desde a administración autonómica sitúase nun 39,93% a porcentaxe de seguimento desta mobilización na provincia de Pontevedra, mentres que en toda Galicia a establece nun 38,74%.
A Xunta sinala que en toda Galicia 116 funcionarios non acudiron ao traballo por ausencia xustificada e 770 cumpriron cos servizos mínimos. Desde a Consellería de Xustiza insisten en que están dispostos a dialogar e en que a últiima oferta realizada supón un incremento do complemento autonómico de ata 900 euros mensuais. Desde a administración de Núñez Feijóo afírmase que esta suba situaría a Galicia por riba da media do conxunto das comunidades autónomas, un dato que os representantes sindicais consideran falso.
Este xoves 8, os funcionarios xudiciais están chamados a concentrarse ante a Audiencia Provincial a partir das 12.00 horas.
Relacionadas:
-
A Xunta alerta o persoal de Xustiza en folga que a súa oferta económica non vai mellorar
Por Redacción |
-
O comité de folga do traballadores da xustiza empraza a Feijóo e a Rueda a retomar as negociacións
Por Oskar Viéitez |
-
Os sindicatos de xustiza sitúan o seguimento da folga nun 95%, a Xunta rebáixao á metade
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
A folga de funcionarios, seguida masivamente nos xulgados de Pontevedra
Por Redacción |