Abre o prazo para participar no programa "En ruta coa Depo"
Por Redacción
Dende este mércores 7 de febreiro abre o prazo de presentación das solicitudes para participar en "En Ruta coa Depo 2018", programa da Deputación de Pontevedra promovido polo servizo do Cohesión Social e Xuventude. Así, as entidades da provincia interesadas neste programa poderán facer a súa solicitude ata o vindeiro 26 de febreiro.
En liñas xerais, o programa, ao que a institución provincial destina 100.000 euros máis que no 2017, oferta 32 rutas para coñecer diferentes lugares da provincia de Pontevedra para 20.000 persoas, das cales 400 gozarán do programa de xeito totalmente gratuíto.
Cada participante achegará a cantidade de 12 euros, que incluirá o desprazamento de ida e volta en autobús desde os puntos marcados nos seus concellos, a visita guiada por unha persoa habilitada como guía de turismo especializada de Galicia e o xantar.
"En ruta coa Depo" tamén oferta rutas específicas onde os pais ou titores poidan gozar cos nenos dun ocio común, san, alternativo e divertido que faga doada a conciliación familiar e laboral durante as fins de semana ou estancias estivais.
Este ano, a institución provincial preparou un total de 32 alternativas divididas en rutas temáticas, culturais, marítimas, rutas adaptadas para persoas con mobilidade reducida, rutas dinámicas e interxeracionais.
Relacionadas:
-
A Deputación adxudica os programas En Ruta coa Depo e Depoemprende II
Por Redacción |
-
A inclusión social chega ao programa 'DEPOcomparte'
Por Alejandra Iannone & Mónica Patxot |
-
O programa 'En Ruta coa Depo' incrementa en 100.000 euros o seu orzamento
Por Redacción |
-
Volven as andainas de "En Ruta coa Depo"
Por Redacción |