Recoñece que lesionou outro mozo tirándolle un vaso á cara, pero asegura que foi "sin querer"
Por Redacción & Mónica Patxot
Un mozo acusado de lesionar outro á saída dun bar de copas de Pontevedra tirándolle un vaso á cara recoñeceu este martes ante o tribunal que o xulgaba na Audiencia Provincial de Pontevedra que si lle arroxou o vaso, pero que foi "sin querer" e que non tiña intención de facerlle tanto dano como o finalmente infrinxido.
O mozo, de iniciais DF.F.V. e orixe ecuatoriana, sentou no banco dos acusados da Sección Cuarta da Audiencia enfrontándose a unha petición de condena maior da que tiña ao remate da vista oral. Tras escoitar as declaracións do acusado e a vítima e analizar as probas practicadas, o fiscal do caso decidiu reducir a pena de prisión que lle pedía de tres anos e medio a tan só dous anos.
Ademais, o fiscal pedía inicialmente que o home fora expulsado do país, pero, tras o xuízo, modificou as súas conclusións e decidiu retirar esa petición porque nos máis de cinco anos transcorridos desde os feitos que se lle atribúen demostrou ter arraigamento en España.
O fiscal reduciu as súas conclusións tamén en base a dúas circunstancias modificativas da responsabilidade criminal, a atenuante de dilacións indebidas polo tempo transcorrido desde a pelexa e a de reparación do dano, pois o acusado consignou 1.000 euros no xulgado para as indemnizacións.
Os feitos xulgados ocorreron na Noitevella do ano 2012. O acusado recoñeceu ante o tribunal que mantivo unha pelexa coa vítima dentro do local e, cando estaban na porta, arroxoulle un vaso á cara"desde dous ou tres metros de distancia.
Non puido concretar se o vaso era de cristal ou de plástico, pero insinuou que de plástico porque, á saída dese local, adoitaban darlle un desas características para pasar a bebida que quedaba. Na súa declaración, asegurou, ademais, que "no tenía intención" de facerlle "tanto daño". A vítima tivo que someterse a varias intervencións cirúrxicas, tardou en curar 382 días e sufriu numerosas secuelas con cicatrices na cara e a perda de visión no ollo afectado polo golpe.
A vítima, pola súa banda, non ten ningunha dúbida de que o vaso con era de cristal e mostroulle ao tribunal as cicatrices que lle deixou. Explicou que mantivo un rifi- rafe co acusado dentro do local e, tras ese suceso, a propietaria botounos. Os seus amigos pedíronlle que el queda resgardado dentro por temor a que o agora xulgado lle esperase fóra, como así foi, pero non conseguiron nada e tivo que saír á rúa.
Nada máis saír, recibiu o impacto do vaso por parte do acusado que, segundo relatou, estaba case encima del, pero non pode concretar a canta distancia.