Cuntis paga o arranxo de nove camiños cun préstamo sen xuros da Deputación
Por Redacción
David Regades, deputado de cooperación municipal, visitou este martes acompañado do alcalde de Cuntis, Manuel Campos, o reformado camiño de Piñeiros, arranxado xunto a oito pistas municipais que quedaron en mal estado tras o temporal do 2016.
Para a realización destas obras, Cuntis recibiu da Deputación de Pontevedra un préstamo sen xuros por valor de 96.938,87 euros. Así, o concello puido mellorar a capa de rodaxe mediante unha tripla rega asfáltica compactada.
Esta actuación principal complementouse con outras accesorias como son a limpeza de bordes e a reapertura de cunetas para ambas marxes dos camiños. En total, estas obras contaron un orzamento total de 122.804,56 euros para os camiños públicos de titularidade municipal de Castro Landín, Vilar, Piñeiros, Paizosa, Piso, Gándara, A Toxeira, San Mamede e Couselo.
David Regades tamén supervisou as obras de acondicionamento que se están levando a cabo no cruceiro do Campo en Troáns. Esta actuación está enmarcada no Plan Concellos 2017 e para levala a cabo o concello de Cuntis recibiu por parte da Deputación de Pontevedra unha achega de 21.273,52 euros.
O obxectivo da obra foi o acondicionamento do cruceiro e o seu entorno coa fin de mellorar paisaxisticamente a zona, ademais de garantir a seguridade pola diferenza de cotas das dúas pistas.
Ao abeiro do Plan Concellos 2018, Cuntis ten o seu dispor 929.208,67 euros. É un 74% máis que no 2017.