Adeus ás princesas: cada vez máis nenas queren ser superheroínas

© Diego Torrado

© Diego Torrado

© Gabriela Varela Asorey
Coa chegada do Entroido, as tendas de disfraces incrementan os seus catálogos coas últimas tendencias. Este ano o tema fantasía enche os escaparates pontevedreses con cores vivas, perrucas extravagantes e moita purpurina.
Se hai algúns anos as flores adornaban as cabeleiras nestas datas, en 2018 as perrucas de cores e os accesorios brillantes son a aposta principal dos negocios que se dedican á roupa e complementos festivos.
"As flores no pelo triunfan en Feira Franca, no Entroido aprovéitase para seguir a tendencia das cores do arco da vella e temática fantasía", explica a dependenta da tenda Claire’s. Este tipo de disfraces son buscados, sobre todo, por nenas e adolescentes, aínda que o xénero masculino empeza a sumarse á febre das fadas e os unicornios, tal e como explican as traballadoras da tenda Party Fiesta.
En canto á temática relacionada coa gran e a pequena pantalla os pontevedreses téñeno claro. O máis recorrente nestas datas son os personaxes de Xogo de Tronos, como Jon Neve ou Daenerys, así como os de Star Wars, coincidindo coa última estrea da devandita saga o pasado decembro. Mentres que os disfraces da serie son adquiridos por xente de todas as idades, os da película son máis ben do gusto dos máis pequenos, que están a descubrir o mundo dos superhéroes e maestros "jedis".
Con todo, chama especialmente a atención o incremento da demanda por parte do público feminino dos disfraces de superheroínas, sobre todo entre as máis pequenas "as nenas tamén queren ser heroínas.
Este ano Ladybug é un dos personaxes máis buscados por elas", explica unha traballadora de Din y Don. Ademais, en Party Fiesta explican que a febre Frozen parece acougarse, aínda que segue demandándose sobre todo como agasallo no día de Reis. "Xa se converteu nun clásico duradeiro, pero desde o ano pasado si que se nota que as superheroínas como Wonder Woman, Batgirl ou mesmo Spiderwoman empezan a tomar forza".
Esta tendencia parece coincidir cunha onda de queixas en contra dos disfraces "sexys" destinados a nenas. A preocupación por romper cos estereotipos de xénero dende a infancia é cada vez máis creciente, e inclusive as marcas apresuráronse a elaborar estudos que confirman que as máis pequenas se identifican cada vez máis con figuras femininas que queren salvar o mundo.
Preparativos para o Entroido 2018
Cales son os disfraces máis solicitados?
© Gabriela Varela Asorey
Os pontevedreses opinan sobre os disfraces do Entroido
Aínda que a tendencia deste Entroido en tendas sexa da temática da fantasía, moitos prefiren outro tipo de disfraces.
© Gabriela Varela
Relacionadas:
-
As familias pontevedresas preparan as súas despensas para o Entroido
-
Es quen de atopar o loro Ravachol no cartel da programación do Entroido 2018?
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Frío intenso, vento e chuvascos na semana previa ao Entroido
Por Noelia Torres Pintos & Mónica Patxot |
-
Acrobacias e música en directo nunha nova xornada de Domingos do Principal
Por Redacción |
-
Denuncian a venda de disfraces machistas de enfermeira
Por Oskar Viéitez |