As Rías Baixas van promocionarse fóra de Galicia a través das súas festas máis relevantes
O Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, acollía este luns a presentación das festas de interese turístico nacional e internacional da provincia de Pontevedra nun acto onde presidenta provincial Carmela Silva anunciaba que nove festas na provincia serán referente na campaña "Somos historias" coa idea de desestacionalizar a presencia turística nas Rías Baixas.
O deputado de Turismo, Santos Héctor, presentaba o evento no que participaron diferentes representantes municipais de cada concello. Desta forma, Fátima Abal, alcaldesa de Cambados, centrouse na Festa do Albariño, que en 2017 acolleu ao redor de 200.000 persoas interesadas no viño, a cociña, os concertos, o teatro e demais actividades culturais relacionadas con este evento no Salnés. Este 2018, celebrará a súa 66 edición, cunha duración de 5 días. Durante o último lustro vendéronse nesta cita máis de 90.000 botellas de Albariño.
O alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela resaltaba as festas de San Roque e as súas actividades máis famosas, como a Festa da auga e o Combate Naval. Esta celebración reúne cada ano a 40.000 persoas.
Pola súa banda, o alcalde do Grove, José Cacabelos, destacaba a importancia da Festa do Marisco. Este ano celebrarase a 55 edición, ofrecendo todo tipo de eventos culturais aos seus, apróximadamente, 100.000 visitantes. A festa terá unha duración de 10 días (do 4 ao 14 de outubro) e volverá ser unha homenaxe á fusión entre o mundo do mar e o mundo da hostalería. Por este motivo, o Concello posúe un convido coa confraría de pescadores da zona.
O Grove inviste o 6% do orzamento municipal na promoción das súas festas, que este ano se presentarán en Dublín. Conta cun investimento de 600.000 euros anuais.
Estas tres festas foron consideradas como festas de interese turístico nacional e agora pretenden conseguir selo a nivel internacional, como sucede coa Festa da Arribada de Baiona; a Rapa das Bestas de Sabucedo na Estrada; a Romaría Viquinga de Catoira ou a do Corpus Christi de Ponteareas, que serán utilizadas pola Deputación para promocionar a provincia ao longo deste ano, ao igual que sucederá coa do Cocido de Lalín ou da Lamprea de Arbo, festas de interese turístico nacional.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, fixo fincapé na riqueza gastronómica dos concellos. Animou a unha unión estratéxica a través das festas, para fomentar as visitas turísticas. Cualificou o 2017 como “ano record” e apuntou que o inicio de 2018 ofrece aínda mellores cifras.
A ocupación hostaleira na provincia foi dun 32%, un 4% por encima da ocupación de 2017 durante este mes, a pesar de que o 30% dos hoteis atopábanse pechados. Pontevedra obtiña seis puntos máis (32%) e oito máis O Morrazo (20%), entre outras subidas.
Os españois que máis visitan Pontevedra son principalmente de Madrid, Barcelona, Cidade Real, Estremadura e Baleares. Pola súa banda, os turistas estranxeiros supoñen o 20% do total e proveñen maioritariamente de Arxentina, Portugal e Francia.
O perfil dos visitantes sitúase nunha idade comprendida entre os 35 e os 65 anos. Alóxanse en hoteis entre 4 e 6 días, co fin de gozar dunha viaxe de lecer e cultura. Por este motivo, a presidenta provincial Carmela Silva insistiu na necesidade de fomentar estes aspectos a través das festas tendo en conta que o 70% destes turistas nunca visitara Pontevedra.
O obxectivo que se propón a Deputación é desestacionalizar estas visitas e que a calidade da oferta se manteña ao longo de todo o ano. O acto de presentación finalizaba coa degustación de produtos típicos como a lamprea de Arbo.
Relacionadas:
-
A Garda Civil despregará 18 patrullas para garantir a seguridade da Festa do Marisco
Por Redacción |
-
A Festa do Marisco do Grove, a "cita gastronómica máis importante de España" para Air Europa
Por Redacción |
-
A provincia vai promocionarse con 'Somos historias' en Madrid
Por Redacción |
-
A Deputación constitúe a Mesa do Turismo con representantes do sector público e privado
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Carmela Silva celebra a "acollida espectacular" en Fitur da campaña "Somos historias"
Por Oskar Viéitez |
-
Así é a curtametraxe que promociona as Rías Baixas en Fitur tocando "o máis fondo dos sentimentos"
Por Oskar Viéitez |
-
Durante o 2017 a ocupación hoteleira media provincial superou o 48%
Por Oskar Viéitez |