As obras de mellora na rúa José del Río, listas en outono
Por Redacción
As obras para renovar a rúa José del Río en Marín están un pouco máis preto de converterse nunha realidade.
O Boletín Oficial da Provincia publicou esta semana a licitación das obras cun orzamento de 240.584 euros.
O obxectivo tanto da Deputación como do Concello de Marín, que reparten o investimento, é poder acabar os traballos o próximo outono, tendo en conta que o seu prazo de execución está fixado en tres meses. Iso sempre que non se complique a tramitación administrativa e que a climatoloxía o permita.
Polo momento o único prazo seguro é o fin do período de licitación, que pechará o próximo 26 de febreiro.
A mellora de José del Río foi obxecto dun convenio entre a adminitración local e provincial, achegando a Deputación directamente 120.548 euros (o 51%) e o Concello de Marín outros 120.000 euros correspondentes aos fondos ao que pode acceder a través da propia institución provincial.
En canto ao proxecto en si, estableceranse na rúa novas beirarrúas de 2,5 metros de ancho e construirase unha pasarela peonil para dar continuidade á beirarrúa esquerda sobre o río. Ademais renovarase o saneamento, reconstruiranse as acometidas das vivendas conectadas á rede actual e instalarase unha rede nova de abastecemento de auga cun ramal por cada lado da rúa.
Tamén instalaranse luminarias eficientes para completar a calidade da urbanización.