"Recoñezo un problema: temos poucos médicos de familia en listas de contratación"
Por Oskar Viéitez
O xerente dos hospitais de Pontevedra e O Salnés, José Ramón Gómez Fernández, compareceu este venres ante a prensa para facer un balance positivo dos resultados asistenciais desta área sanitaria durante o 2017 e tamén fixo autocrítica. "Recoñezo un problema: temos poucos médicos de familia en listas de contratación", asegurou.
"Ao longo do ano hai moitas incidencias de baixas, permisos, etc. que non se poden cubrir por falta de profesionais", sinalou José Ramón Gómez.
En concreto citou a falta de persoal en "especialidades especialmente problemáticas" como son os pediatras de Atención Primaria, os médicos de familia, os anestesistas onde hai un déficit de 8 profesionais, ou de dixestólogos, o que prexudica a atención aos usuarios aumentando as listas de espera.
"É o que ocorre, por exemplo, na Unidade da Dor, onde temos un problema de demora importante", admitiu.
Para liquidalo a xerencia mantén contactos con hospitais de toda España "porque as prazas témolas e a parte económica tamén", explicou José Ramón Gómez.
Máis unha cousa, segundo o xerente da área sanitaria pontevedresa, o problema non é exclusivo de Pontevedra e O Salnés, senón de ámbito estatal. Concretamente a culpa é da planificación do acceso á especialidade, un auténtico pescozo de botella que impide contar con estes profesionais.
O xerente indicou que o Ministerio de Sanidade traballa para "alterar os tempos nas especialidades con maior déficit" atendendo ás peticións formuladas polas comunidades autónomas. Por agora, tamén aquí haberá que esperar.