Sindicatos do Porto de Marín culpan a José Benito Suárez Costa dos recortes laborais que sofre o persoal
Por Redacción
Comisiones Obreras, UGT, SPPLB, CIG e CGT decidiron denunciar a través dun comunicado a actual situación de precariedade que sofre o persoal laboral que está ao servizo da Autoridade Portuaria de Marín. Estes sindicatos culpan ao actual presidente do porto, José Benito Suárez Costa, das malas condicións laborais.
Os representantes sindicais sinalan que o Porto de Marín bateu o seu récord de tráficos. En 2017 superáronse os 2,5 millóns de toneladas e lembran que isto se debe ao traballo dos empregados destas instalacións.
Alertan, con todo, que desde a chegada de José Benito Suárez Costa á presidencia, os traballadores "viron recortados os seus dereitos inexorablemente", unha situación que viron agravada co incremento da actividade no porto. Critican que Suárez Costa situase a Marín no primeiro lugar do ránking de retroceso de condicións laborais dos traballadores dos portos españois.
Neste sentido, denuncian a conxelación de salarios, a inexistencia total de promocións, agás ao persoal directivo, falta de formación ou só formación para o persoal directivo, externalización de servizos, denegación inxustificada de permisos e amortización de postos de traballo. Ante estas condicións, os sindicatos indican que o persoal se atopa nunha situación insustentable da que o presidente portuario é consciente.
As centrais sindicais sinalan que teñen ao "inimigo en casa" e piden a equiparación co persoal laboral do resto de portos de España rexeitando a precariedade e a destrución de emprego público.