Pontevedra anima ás cidades educadoras a priorizar a súa mobilidade
Por Redacción
Unha cidade educadora debe situar a mobilidade e a organización do espazo público no centro da súa xestión. É a mensaxe que deixou a concelleira de Educación, Carmen Fouces, ao resto das vilas que participan no congreso estatal que a Rede de Cidades Educadoras está a celebrar na cidade de Lleida.
Fouces, que estivo acompañada na súa intervención por portavoces dos concellos de Girona e Barcelona, destacou os resultados alcanzados por Pontevedra en materia de sustentabilidade, seguridade, saúde, mobilidade peonil e ciclista, aforro enerxético ou recuperación do espazo público.
A edil asegurou que todas as áreas municipais, como ocorre na Boa Vila, deben compartir as liñas básicas do modelo dunha cidade, de tal xeito que traballen na mesma dinámica, aproveitando os esforzos para promover transformacións reais.
"A nosa función non é só eliminar barreiras físicas nas rúas para promover a accesibilidade universal, senón tamén eliminar barreiras dentro do Concello para que os departamentos non diseminen esforzos e remen todos na mesma dirección", dixo Fouces, que foi felicitada pola directora das cidades educadoras, Mariña Canals, pola súa "valentía para levar a cabo transformacións importantes".
Con todo, Carmen Fouces precisou que "cada cidade ten que buscar o seu camiño e a súa propia metodoloxía".
En canto á participación pública dixo que non o tiñan coma un "mantra burocrático", senón como un sistema o máis directo posible, con veciños e veciñas participando "a peito descuberto, convocados con carteis nos seus portais e nos comercios do barrio".
Xusto antes do debate, a concelleira de Educación tivera unha primeira intervención -no espazo monográfico adicado a Pontevedra- que quentou motores. Nela expuxera algunhas características do modelo urbano que fan de Pontevedra unha cidade educadora que "educa en si mesma ao converter o seu espazo público en punto de encontro da cidadanía.
Nesta primeira intervención de Carmen Fouces, todas as preguntas que se realizaron serviron para coñecer máis datos sobre o modelo urbano en cuestións que preocupan aos concelleiros como a canalización da frustración social, a participación social ou o xeito de aparcar na capital.