Poio, a mellorar a empregabilidade dos vecinos cunha ampla oferta formativa
Por Alejandro Espiño
Accións formativas que fomenten a empregabilidade dos veciños de Poio e cuxa organización estea xustificada polo seu interese social. Esa será a prioridade da ampla programación de cursos de formación que o Concello ofrecerá ao longo de 2018.
O edil de Promoción económica, Gregorio Agís, espera que esta iniciativa permita cubrir as necesidades formativas dos habitantes do municipio, de forma que poidan especializarse en traballos que teñan "máis demanda" e melloren as súas perspectivas á hora de introducirse no mercado laboral.
Poio apostará, segundo Agís, por un programa "moi completo e integrador", dirixido especialmente a formar a aquelas persoas que teñan problemas para atopar traballo. "É un desafío para Poio", sinalan desde o goberno municipal, que busca que esta capacitación permita que os veciños sexan "máis competitivos" laboralmente.
Todas as persoas empadroadas en Poio terán un desconto do 50% na matrícula destes cursos e terán prioridade á hora de repartir as prazas dispoñibles.
Entre os cursos de "alta demanda", en 2018 impartirase formación en manipulación de praguicidas e produtos fitosanitarios, mozo de almacén, camareiro de pisos, técnicos de limpeza hospitalaria e operarios de carretiñas elevadoras. Todos eles terán 25 prazas dispoñibles e, en función do interese, poderán realizarse varios durante todo o ano.
Haberá tamén formación homologada para a obtención do permiso para marisqueo, cursos de xardinería orientados a enxertos, poda de árbores froiteiras, cultivo do kiwi, horto ecolóxico ou atención a pragas e enfermidades.
Ademais, en comercio e hostalería haberá cursos en sumillería e cata, atención ao cliente, escaparatismo, novas tecnoloxías, dinamización comercial, marca persoal ou márketing dixital, entre outras materias.
A este esforzo sumarase unha nova edición, a sexta, do programa Senda 2018, que busca outorgar oportunidades de innovación, inserción sociolaboral e emprendemento; ou a organización dunhas xornadas para emprendedores que, baixo o nome de PoioCrea 2018, reunirán en marzo a expertos a iniciativas de éxito.
Toda esta oferta formativa pódese consultar na páxina web do Concello de Poio.