Barro propón "destapar" o Entroido para dinamizar o seu comercio
Por Redacción
Unha decena de locais de hostalería de Barro participarán os días 16, 17 e 18 de febreiro nunha nova campaña de dinamización que, baixo o nome "Destapa o Entroido", ofrecerá unha suculenta ruta gastronómica polo municipio.
Nela, poden participar todos os establecementos de hostalería de Barro pero serán eles mesmos os que decidan se elaboran unha ou dúas tapas e se son doces ou salgadas.
Ademáis, os locais tamén decidirán as datas e horarios nos que servirán ao público as súas propostas gastronómicas, así como o prezo de cada tapa.
"Destapa o Entroido" terá tamén premios para os clientes, que por cada consumición das tapas recibirán unha papeleta para depositar na urna do establecemento correspondente e entrar nun sorteo.
Cada local participante disporá dun lote composto por lacón e chourizos, que será o agasallo a sortear por cada establecemento o 20 de febreiro ás 20.00 horas.
Xunto coa ruta gastronómica, o Concello organiza un ano máis o concurso de ambientación do Entroido e Día dos Namorados denominada "Eu quero Entroido", da que formarán parte 17 comercios do municipio.
Nesta segunda campaña, os establecementos participantes deben realizar intervencións artísticas ou decorativas nos seus escaparates e fachadas e mantelos dende o 6 ata o 18 de febreiro. A mellor decoración será premiada cun importe de 200 euros.
Os clientes recibirán por cada compra unha papeleta para entrar no sorteo dun lote de lacón e chourizos en cada local participante. O sorteo tamén se celebrará o día 20 de febreiro.