A feira de oportunidades de Ponte Caldelas, en marzo
Por Redacción
Os comerciantes de Ponte Caldelas decidiron organizar unha nova edición da súa feira de oportunidades os próximos días 3 e 4 de marzo. Será, como vén sendo habitual, no pavillón municipal. Así o confirmaron nunha xuntanza da mesa local de comercio.
A feira contará cun total de 27 postos, dos que 25 son do municipio e só dous de fóra. Os produtos a expoñer son de diferentes sectores: téxtil, alimentación en xeral, mobiliario, floristería, zapatería, complementos, maquinaria, calefacción, librería, droguería ou caza e pesca, entre outros.
A novidade será a instalación de stands exteriores de vehículos de ocasión, a cargo dos negocios de compravenda do municipio, pero esta opción só se concretará se as condicións meteorolóxicas o permiten.
Recupérase así unha exposición que se fixo hai cinco anos e que se abandonou polo mal tempo. De feito, a feira atrásase este ano un mes pasando de comezos de febreiro a comezos de marzo, unha aposta coa que se confía en acadar unha gran afluencia de público.
Durante a xuntanza da mesa de comercio, o alcalde comunicou que o 4 de marzo Ponte Caldelas celebrará tamén unha actividade multiaventura para toda a familia. Trátase dun circuíto de actividades de todo tipo para realizar en grupos e que se enmarca dentro das actuacións solidarias impulsadas para recadar fondos a prol dos damnificados polos incendios.
A inscrición para esta actividade, bautizada como Caldelas Aventura, aínda está aberta e pódese realizar no sitio web www.galaicaventura.com.