Unha expulsión dun grupo de WhatsApp provoca unha crise no tripartito de Ponte Caldelas
Por Oskar Viéitez
Ante a crise xurdida no seo do goberno local tripartito de Ponte Caldelas o BNG convocou unha asemblea para falar da súa continuidade como socio do Partido Socialista e a Agrupación Veciñal (AVP).
Segundo o BNG, a tensión no goberno Local agudizouse "pola decisión unilateral do alcalde, sen consultar aos seu socios de goberno". Refírense os nacionalistas á decisión do alcalde Andrés Díaz de expulsar ao xornalista Antón Xil dun grupo de WhatsApp municipal "por non cumprir as normas" alegando que empregaba ese foro para difundir actos do Partido Popular e logo de publicar Diario de Pontevedra que "Antón Xil se perfila como candidato del PP en Ponte Caldelas".
Ante esta decisión este mércores reuníuse en asemblea local o Bloque Nacionalista Galego onde fixo unha valoración do pacto de goberno que xa leva case tres anos funcionando e no que os participantes destacaron que o BNG "non pode participar nun goberno municipal que non loite por un concello de todos e todas, transparente, aberto e que teña como obxectivo prioritario a participación veciñal e asociativa".
"Se entramos a gobernar foi, precisamente, para cambiar as dinámicas contrarias a este principio que durante 40 anos implantou o Partido Popular", explica o BNG nun comunicado.
"A censura que unilateralmente aplicou o noso socio de goberno e alcalde Andrés Díaz é contraria a este principio que defendemos para acadar a Ponte Caldelas que queremos. Non se pode pechar a participación de ninguén por ter as ideas que teña. Esa é unha actitude máis propia de outras épocas que todos e todas debemos rexeitar e con ela só se consegue eliminar a relación de confianza entre as institución e os veciños e veciñas que o BNG ven promovendo e conseguindo desde que estamos no concello, ben gobernando ou ben facendo un traballo serio, rigoroso e coherente na oposición, como fixemos ata agora", contiúa este escrito.
Despois de un amplo debate o BNG acordou en asemblea "seguir participando no goberno local de Ponte Caldelas" ao entender, entre outras razóns, que "só co traballo serio do BNG no goberno se pode garantir a toma de decisión axeitadas que promovan a participación de todos e todas e se restablezan as relacións coas asociacións veciñais e demais asociacións do concello".
Finalmente o Bloque advirte que a decisión de seguir participando no goberno do concello de Ponte Caldelas "sempre estará condicionada a que se cumpran os principios que o BNG no seu momento considerou fundamentais para acadar o pacto coas outras organizacións políticas e a que haxa lealdade por parte de todos".