Entregan no Concello un milleiro de firmas en defensa da sanidade pública en Marín
Por Redacción
O BNG de Marín recolleu nas últimas semanas un total de 1.000 sinaturas entre os veciños do municipio en defensa dunha sanidade pública de calidade na localidade e para reclamar ao Concello que inicie contactos coa Xunta de Galicia de cara a resolver os problemas sanitarios en Marín.
As sinaturas foron entregadas este mércores no rexistro municipal acompañadas por un escrito dirixido á alcaldesa, María Ramallo, no que solicitan que o goberno local inicie os contactos coa Xunta de Galicia para garantir que Marín teña ambulancia 24 horas, servizo de radioloxía e farmacia, un servizo de fisioterapia digno e un monitor de desfibrilador no centro de saúde.
Unha correcta xestión dos recursos humanos, caixas fortes para depositar e gardar os fármacos psicotrópicos e estupefacientes e a subsanación das carencias e deficiencias que presenta o centro de saúde completan as esixencias do BNG, que nos últimos meses xa denunciou pingueiras e problemas coa calefacción e a auga quente no centro de saúde.
O responsable local do BNG de Marín, Xurxo Agra do Pazo, tamén denuncia nese escrito presentado os recortes de persoal e de medios nos hospitais e centros de saúde públicos de Galicia, que se traducen "nun importante aumento de carga de traballo nos e nas profesionais da sanidade pública e nun deterioro na calidade asistencial".
Ao respecto, engade que a eses recortes en Marín hai que sumarlle o recorte de servizos. "Dabondo coñecida é a supresión do servizo de ambulancia 24 horas, carecendo Marín, un concello de 25.000 habitantes, de ambulancia pola noite", recorda, e destaca que a Xunta tamén decidiu prescindir do prometido servizo de radioloxía no centro de saúde alegando a proximidade do Virxe Peregrina de Pontevedra.
Relacionadas:
-
A área sanitaria de Pontevedra atendeu 3.382.075 consultas o ano pasado
Por Redacción |
-
Toda a oposición demanda no Parlamento máis medios e persoal para o centro de saúde de Marín
Por Oskar Viéitez |
-
En Marea e o BNG esixen á Xunta que arranxe as deficiencias do centro de saúde de Marín
Por Oskar Viéitez |