Detido por subministrar un quilo de haxix a dous mozos arrestados tres meses atrás
Por Redacción
A Policía Nacional de Pontevedra realizou nos últimos días unha actuación que permitiu pechar unha intervención previa por tráfico de drogas do pasado mes de outubro. Daquela, a Policía Local arrestou a dous mozos de 26 e 27 anos en posesión de 1.050 gramos de haxix e agora acaba de ser detido o presunto subministrador desa droga.
O detido é un veciño de Marín de 31 anos sen antecedentes policiais previos ao que se atribúe un delito de tráfico de drogas polo que xa foi posto a disposición xudicial e quedou en liberdade en calidade de investigado.
O arresto produciuse este luns 29 de xaneiro e, segundo a Policía Nacional, o mozo foi o responsable o pasado 20 de outubro do transporte do quilo de landras de haxix que logo se interveu aos dous mozos pontevedreses. Eles serían os destinatarios.
Aquel día a operación desenvolveuna a Policía Local tras deter in fraganti un dos mozos en posesión da bolsa e, tres días despois, ao arrestar ao segundo. En base a aquela intervención, o Grupo de Tráfico Medio de Estupefacientes da Comisaría de Pontevedra e o Grupo Operativo Local da Comisaría de Marín abriron unha investigación que derivou na identificación do presunto subministrador.
O mozo foi detido este luns 29 de xaneiro nas inmediacións do seu domicilio de Marín e trasladado á Comisaría de Pontevedra antes da súa posta a disposición xudicial.