A defensa de Louzán alega na Audiencia que o delito de suborno que lle atribúen está prescrito
Por Natalia Puga
O xuízo contra o ex presidente da Deputación de Pontevedra e do PP provincial, Rafael Louzán, por un delito de suborno impropio celebrarase na Sección Cuarta da Audiencia Provincial e previsiblemente non se demorará moitos meses.
Este martes celebrouse unha vista previa que acurta distancias antes do xuízo e serviu para revisar varios recursos presentados por el e os dous co acusados, a súa esposa, Teresa Cores Fernández, e o ex deputado do PP na Deputación por Pazos de Borbén Severino Reguera Varela.
Ningún dos tres investigados nesta causa acudiu á vista na Audiencia, na que tan só era necesaria a presenza dos seus avogados defensores. Os tres teñen letrados diferentes, circunstancia que apuntan a que poderían seguir estratexias procesuais, aínda que na sala de vistas mostraron un mesmo criterio.
A vista non foi pública, pero si transcendeu os aspectos básicos do contido da mesma. Os avogados presentaron recursos apelando a varias circunstancias, entre elas, que neste proceso xudicial vulneráronse os dereitos dos seus clientes e que os feitos polos que serán xulgados estarían prescritos, pois se remontan ao ano 2008.
O fiscal do caso, o responsable de delitos económicos, Augusto Santaló, opúxose a todas as circunstancias alegadas polas defensas. En relación coa posible prescrición dos feitos, argumentou que non prescribiron porque se lle atribúe un delito continuado que aínda estaria cometéndose.
Este proceso xudicial polo que sentarán no banco dos acusados da Audiencia Provincial ante un xurado refírese aos supostos sobrecustos nos alugueres de tres baixos e a zona de Navia, en Vigo. O fiscal mantén que o delito comezou no ano 2008 e continúa a día de hoxe, pois o contrato de aluguer asinouse por unha década e segue en vigor na actualidade.
O Xulgado de Instrución número 2 de Cambados acordou en decembro de 2016 a apertura de xuízo oral contra Rafael Louzán por un delito continuado de suborno impropio contra Teresa Cores por suborno impropio e contra Severino Reguera por un delito continuado de suborno pasivo.
Tras aquel auto de apertura, en abril de 2017 o caso chegou á Sección Cuarta da Audiencia. Desde entón, as partes formalizaron varios recursos, que se acaban de revisar este martes. Agora o tribunal deberá resolver eses recursos e tamén ditar un auto no que fixe os feitos axuizable.
Louzán poderá chegar a ser condenado a unha pena dun ano de prisión en función do escrito de acusación presentado pola Fiscalía de Delitos Económicos, no que engade que debe ser condenado tamén á suspensión de emprego e cargo público durante dous anos e tres meses. De todos os xeitos, na actualidade, o procesado xa deixou todas as súas responsabilidades políticas e non ostenta cargos públicos.
Os feitos dos que o acusan teñen a súa orixe no ano 2008, cando Louzán e Teresa Cores reservaron cinco locais na rúa Teixugueiras de Vigo e finalmente compraron tres por 460.122,5 euros e cederon a compra dos outros dous a Severino Reguera e a súa esposa. Para realizar a entrega inicial de diñeiro á empresa que lles vendeu os baixos, Severino Reguera prestoulles 103.748,42 euros.
O fiscal, Augusto Santaló, conclúe que Louzán e a súa esposa compraron os baixos sabendo desde o principio que o prezo de compra e a hipoteca ían ser pagados pola empresa dunha persoa que tamén exerce cargo político na Deputación e no PP e cuxa proxección económica depende de Louzán.
Na súa opinión, trátase dun "trato de favor" de Severino Reguera a quen entón era presidente da Deputación e do seu partido froito dunha operación de compra inmobiliaria que "se planeou entre os señores Reguera e Louzán e a súa esposa".
Relacionadas:
-
O TSXG desinfla a acusación contra Louzán por suborno e fala dunha posible "vulneración do dereito á intimidade"
Por Natalia Puga |
-
O xuízo a Rafael Louzán por suborno, pendente do TSXG
Por Natalia Puga |
-
Louzán seguirá cobrando como asesor do PP a pesar de que será xulgado por suborno
Por Natalia Puga |
-
Louzán pide a baixa temporal como militante do PP
Por Natalia Puga |
-
Louzán vese vítima de "escarnio" e asegura que será xulgado por suborno "por ser quen fun"
Por Alejandro Espiño |
-
Rafael Louzán sentará finalmente no banco por suborno polos baixos de Navia
Por Natalia Puga |