A iluminación da ponte da Barca estará reposta "entre hoxe e mañá"
Por Alejandro Espiño
Os traballos para a reparación dos puntos de luz na ponte da Barca, no tramo que corresponde a Pontevedra, xa comezaron.
En concreto, repoñeranse os doce puntos de luz que hai na marquesiña da ponte e colocaranse 27 pantallas estancas.
Esta actuación, que inclúe a substitución do cableado nalgunhas zonas da marquesiña, ten un custo de 3.436 euros.
O portavoz do goberno municipal, Raimundo González, confirmou que a iluminación estará totalmente reposta "entre hoxe e mañá".
Con este arranxo, sumado ao realizado nos últimos días por Poio, a ponte contará cunha nova iluminación. Será á espera do proxecto de rehabilitación que ultima a Xunta de Galicia, que planea investir preto de 1,3 millóns de euros.