Pablo Trelles, novo presidente de SAL
Por Redacción
Este domingo celebrouse en Vilalonga a asemblea de afiliados de Sanxenxo Agrupación Liberal (SAL), na que se elixiu a Pablo Trelles como novo presidente do partido.
Ademais de dar a benvida aos 34 novos afiliados, aprobáronse as contas anuais e acordouse unha modificación nos estatutos do partido. Dita modificación baséase simplemente en dous puntos: deixar aberta a posibilidade de crear a figura de coordinador do partido e que o presidente do partido poida ser cabeza de lista, se así se estimase oportuno.
O punto máis destacable da orde do día era a elección da nova xunta directiva. A única candidatura presentada para a presidencia foi a de Pablo Trelles. E tras ratificación por unanimidade dos afiliados presentes, este presentou aos membros da súa candidatura, quedando formada por Isabel Gonzalo como secretaria, como tesoureiro a Yago Torres e como vogais a Daniel Fernández, Carmen Balado, Jose Luís Rey e Jesús Sueiro.
Ao remate da asemblea, o novo presidente dirixiuse a afiliados e simpatizantes, agradecendo a todos a confianza depositada e emprazando a todos os presentes a seguir traballando nas próximas semanas na captación de novos afiliados e principalmente en conseguir que se cumpra o pacto co Partido Popular.