O "Triángulo do Umia", un ambicioso proxecto de lecer para dinamizar a contorna do encoro
Por Oskar Viéitez
A comunidade de montes veciñais de man común de Reirís presentou ao Concello de Caldas de Reis a proposta de creación dun centro de lecer e medio ambiental en San Andrés de César, un proxecto denominado "Triángulo do Umia" a desenrolar na confluencia dos municipios de Caldas de Reis, Cuntis e Moraña.
Os comuneiros encargaron unha memoria descritiva do proxecto á empresa Acurturaleza S.L. coa idea de "dinamizar a zona da contorna do encoro do Umia" con actividades de lecer en contacto coa natureza como rutas en bicicleta, a cabalo, sendeirismo polos antigos muíños e ata a ponte romana, e mesmo deportes náuticos para os que se instalaría un embarcadoiro.
O centro base sería o local da comunidade de montes de San Andrés de César que resulta "idóneo" pola súa boa comunicación, a escasos metros da estrada nacional N-640 e "dentro dunha contorna privilexiada", sinala o informe.
Propoñen o acondicionamento para un uso lúdico do túnel de escalada situado baixo da N-640 e que serviría de paso para as diferentes rutas, a restauración dunha fonte para o seu uso como espazo de boxes para as rutas a cabalo, a construción dun aparcadoiro para caravanas e a sinalización dun heliporto de emerxencias.
No proxecto tamén se planea a instalación dunha ponte peonil sobre a N-640, unha tirolina que conecte as dúas marxes do río, un merendeiro e un parque de biodiversidade en Paradivas.