O BOE publica as licenzas de ocupación para tres empresas do Porto de Marín
Por Redacción
O Boletín Oficial do Estado deste sábado publicou varios acordos aprobados hai xa algún tempo polo consello de administración da Autoridade Portuaria de Marín polo que se lle concede licenza de ocupación a tres empresas que pagarán un canon ao Porto de Marín pola superficie que ocupan que van desde mil a algo máis de tres mil euros anuais, así como unha taxa que non alcanza os mil euros anuais para a licenza de actividade.
Nun destes acordos, correspondente á sesión do 28 de setembro de 2017, outórgase unha concesión administrativa de ocupación de espazo á firma O Percebeiro S. L., nunha superficie de 103,20 metros cadrados e por un prazo de 6 anos, para o labor mercantil de preparación, empaquetado e expedición de produtos da pesca.
Noutra das reunións do consello de administración, do 30 de novembro de 2017, aprobáronse tamén dúas concesións administrativas. Unha á empresa Otero Hermanos 2012, dedicada a actividades relacionadas coa pesca marítima, a comercialización e explotación dos produtos pesqueiro. Esta ocupación é dunha superficie de 130,90 metros cadrados e por un prazo que expira no ano 2032.
A outra concesión administrativa foi para a firma Elaborados Danbomar S. L., tamén dedicada a actividades relacionadas coa pesca marítima, a comercialización e explotación dos produtos pesqueiros, neste caso dunha superficie de 124 metros cadrados e durante un prazo de 6 anos.