Pistoletazo de saída ás novas instalacións deportivas e a piscina de Cambados
Por Redacción
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto á alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, ao deputado de Cooperación, David Regades, e os concelleiros do goberno municipal da vila, presidiu este venres a colocación da primeira pedra das obras da nova piscina de Cambados.
O acto, que consistiu no soterramento da tradicional furna na que se depositaron exemplares dos xornais do día e algunhas moedas, marca o arranque da construción das novas instalacións deportivas do Pombal e supón que a finais de ano a veciñanza da vila teña xa á súa disposición "una instalación digna", dixo a presidenta provincial
"A xente de Cambados merecía unha piscina do século XXI e non un invernadoiro", engadiu.
O novo proxecto ten un orzamento de máis de 900.000 euros. A empresa Prace Servicios y Obras S.A. encargarase da renovación da bóveda, debido ás múltiples deficiencias que presenta, e de actualizar as instalacións de climatización da totalidade do complexo deportivo para cumprir coa normativa aplicable.
Amais, o novo edificio integrarase no espazo urbano, reducindo o impacto ambiental, mellorará o confort térmico e unificarase o vaso e a praia da piscina cos espazos lindeiros, para mellorar a resposta funcional.
Outras das actuacións que se van acometer na piscina é a modificación do peche para limitar a demanda enerxética e garantir, así, o benestar térmico. Tamén se van instalar sistemas de eficiencia enerxética que reducirán o consumo mediante o control e a regulación da temperatura, mellorarase o sistema de iluminación, coa integración de equipos altamente eficaces e con sistemas de control e integración de luz natural, e mellorarase o sistema de xeración da auga quente sanitaria e para a piscina.
Se as obras se executan con normalidade, está previsto que a finais de ano Cambados teña xa unha nova piscina para dar servizo de calidade ás máis de 1.200 persoas socias e 2.000 usuarias coas que conta na actualidade.
Relacionadas:
-
A Deputación aproba destinar 455.000 euros para uns novos vestiarios na piscina de Cambados
Por Redacción |
-
Copsesa fará en 11 meses a piscina de Cambados
Por Redacción |
-
A Deputación aproba o procedemento de contratación da renovación da piscina de Cambados
Por Redacción |
-
902.000 euros de orzamento para construír en Cambados unha piscina "do século XXI"
Por Redacción |