150 mil euros para a mellora dos xardíns da Alameda
Por Redacción
Quen dixo crise? O Concello de Pontevedra quere presumir de financiamento e fronte aos recortes que están asumindo, en xeral, as administracións, o goberno local programa un investimento de máis de 1,2 millóns de euros en seis proxectos.
Deste xeito, adxudicouse a Aquagest unha rede de sumidoiros en Mourente cun orzamento de 60 mil euros. O local social de A Parda contará con case 400 mil euros para que a empresa Ediserpo afronte a súa mellora.
Xunto a isto tamén vanse destinar máis de 200 mil euros na ampliación da ponte dos Tirantes e 400 mil euros nas melloras de acceso no rural, na estrada vella de Marín, na Canicouva e tamén na subida ao Areeiro.
Pero os investimentos non paran aí. A contorna da Alameda de Pontevedra vai someterse a unha transformación estética. O goberno local quere que o espazo adquira forma de xardín galego e para iso van ser plantados magnolios, camelias e diferentes arbustos cubrindo zonas de area. Todo cun orzamento de 150 mil euros.