A Xunta arquiva o expediente sancionador aberto polo 'tentadero' taurino de Moraña
Por Redacción
O deputado do BNG Luís Bará amosouse este venres moi crítico co goberno da Xunta de Galicia despois de saber que arquivou o expediente sancionador aberto contra a entidade organizadora do 'tentadero' taurino celebrado o pasado setembro en Moraña e contra o propio Concello.
Bará formulou unha pregunta ao goberno sobre os trámites do expediente sancionador pasados os tres meses da presentación da denuncia. Xusto despois da denuncia nacionalista, o director Xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, avanzou que se abriría un expediente ao respecto porque a Xunta de Galiza non autorizou o espectáculo taurino. Agora, de novo a preguntas do BNG, o mesmo responsable autonómico confirmou o arquivo do expediente.
Para Luís Bará, este arquivo constata a intención da Xunta de "tapar as irregularidades cometidas pola entidade organizadora e do propio Concello de Moraña" e demostra, unha vez máis, a "complicidade" do PP coa organización e promoción de espectáculos taurinos alleos á tradición cultural galega.
O parlamentario do BNG tamén acusou ao PP de non cumprir a lei e destinar fondos públicos a eventos contrarios á recente lei aprobada para a protección de animais. Pese ao arquivo do expediente, insistiu na "ilegalidade" do espectáculo, que non contou nin con servizo médico nin control para a entrada de menores.
Bará tamén insistiu en que este espectáculo supón "maltrato animal" e pediu que no futuro estes eventos non sexan autorizados, fomentados e patrocinados con fondos públicos.
Relacionadas:
-
Bará pregunta no Parlamento polo expediente aberto tras o 'tentadero' taurino de Moraña
Por Redacción |
-
Cuestionan a "lentitude" coa que se tramita a denuncia contra o 'tentadero' taurino de Moraña
Por Redacción |
-
Luís Bará critica a organización dun "tentadero" en Moraña con apoio da alcaldesa
Por Redacción |
-
Presentan unha denuncia por "irregularidades" do tentadero de Moraña
Por Redacción |
-
Ou tentadero taurino ou axuda da Deputación
Por Redacción |